El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Bibliotecario do Ateneo Ferrolán

Fernando Rivera: “O Ateneo Ferrolán ten a gran hemeroteca da prensa galega, como EL CORREO GALLEGO”

{ Ferrol, 1975 } O Ateneo Ferrolán conta cuns fondos bibliográficos de máis de 15.000 exemplares, ademáis de 834 cabeceiras de prensa e 2.000 pezas audiovisuais // E xa dixitalizou máis de tres millóns de documentos, entre eles os históricos do noso xornal // O seu bibliotecario anuncia que pronto poderán consultarse online

Fernando Rivera no Ateneo Ferrolán
Fernando Rivera no Ateneo Ferrolán

PATRICIA HERMIDA. FERROL  | 03.01.2018 
A- A+

Por que o Ateneo Ferrolán é unha xoia entre as hemerotecas?

Desde 2008 está considerada Biblioteca de Titularidade Privada de Especial Interese para Galicia. Desde o século XIX, Ferrol foi unha das cidades cun desenvolvemento máis destacado do xornalismo. A hemeroteca do Ateneo, entidade con 138 anos de historia, conserva exemplares únicos de 834 cabeceiras desde o século XIX, de internacional a local.

Cal é a importancia da colección de EL CORREO GALLEGO?

Temos a colección histórica completa entre 1878 e 1974. Dixitalizada está entre 1878 e 1939, en microficha desde 1878 ata 1974. Temos os primeiros volumes en papel e encadernados, e tamén desde 1946 a 1968. Entre 1974 e 1988 hai partes incompletas. E entre 1988 e 2011 está a colección en papel, en formato periódico pero sen encadernar. Este xornal naceu en Ferrol, é unha das nosas coleccións máis importantes en prensa.

Como vai o proceso de dixitalización de todos os fondos?

Iniciouse no ano 2008 co apoio da Fundación Barrié. Xa levamos máis de tres millóns de documentos dixitalizados. Temos coleccións completas de EL CORREO GALLEGO. E todo ese fondo histórico está a disposición do público nos equipos do Ateneo. E en breve tamén están online a través da nosa web.

Conta o Ateneo con máis de 15.000 volumes históricos?

Si, traballamos con esa cifra. Contamos con exemplares únicos, como volumes do Padre Feijóo do século XVIII recuperados pola empresa Recinor en labores de reciclaxe. Ou un exemplar do século XVI, doado á nosa biblioteca e cun gran interese: Varios iconos de vellos e recentes médicos e filósofos, cun eloxio editorial. Deste último só hai exemplares na Bibliotecas Nacionais de España, Austria, Bélxica e Francia; na Universidade Complutense e no noso Ateneo. É obra do humanista húngaro János Zsámboky con ilustracións do flamenco Pedro Van der Borcht O Vello.

Que outros exemplares únicos conservan en prensa?

Figuran os de Ferrol DiarioEl Norte ou EL CORREO GALLEGO. Tamén do Faro de Ferrol ou La Democracia, de principios do XX.

E en formato audiovisual?

Unhas 2.000 pezas entre longametraxes, documentais, gravacións históricas. Celebramos a XV Mostra de Curtametraxes, e todo o material pasa a integrarse na nosa filmoteca. Tamén hai un arquivo con 2.000 fotos, con coleccións sobre o naval ou a sociedade ferrolá de principios do século XX. E partituras inéditas de gaita galega a través do concurso Constantino Bellón.

Parte dos fondos continúan no polígono de Río do Pozo?

Tiveron que almacenarse alí por mor das obras no Ateneo, e están pendentes de volta. Pero mantemos aquí servizos propios da biblioteca, grazas a doazóns e compras dos últimos anos.

Recentemente, celebraron as IV Xornadas de Documentación sobre medios de comunicación.

As ciencias da información son irmás da documentación, os profesionais necesitan controlar habilidades documentais para xestionar o fluxo da información.

E os medios estamos ben documentados?

Cada vez hai máis fontes e máis posibilidades de documentarse. Pero a inmediatez das noticias impide comprobar as fontes, ou lograr un maior rigor.

Imperan máis os titulares tipo Twitter que a investigación?

As redes sociais son un gran aliado para difundir noticias pero tamén poden converterse no inimigo. Porque os usuarios miran máis os titulares das redes divulgados por calquera persoa que por profesionais contrastados. Os xornalistas deberían empregar máis as bibliotecas e contactar cos seus profesionais. Os bibliotecarios axudan a orientarnos na busca de fontes externas.

Hai que reivindicar o futuro da prensa escrita?

A prensa escrita e a dixital deben convivir. Coa revolución tecnolóxica, Internet ofreceu máis posibilidades ao xornalismo.

Pero coa precariedade, falta tempo para a documentación.

Coa crise económica e institucional, hai menos persoal e menos recursos.. pero tamén máis información que difundir. Os xornalistas teñen que facer de todo, son multitareas, e non poden adicar tempo á análise. É certo.