Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Jueves 25.09.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

Tendencias| tendencias@elcorreogallego.es  |  RSS - Tendencias RSS

Galicia despedirá 2010 sen celebrar o centenario de Concha Castroviejo

29.12.2010  A escritora compostelá foi a autora de 'Los que se fueron', a primeira novela española sobre o exilio//O Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega recupera agora o seu legado

4.3/5 [6 Voto/s]

4
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

FRAN P. LORENZO SANTIAGO

UN RETRATO Concha Castroviejo retratada por Ksado en 1936 FOTO: Familia Santos Castroviejo
UN RETRATO Concha Castroviejo retratada por Ksado en 1936
FOTO: Familia Santos Castroviejo

Naceu en 1910, como Gonzalo Torrente Ballester ou como Luis Seoane. O seu nome figura canda o deles en estudos literarios e críticas xornalísticas. Compartiron un tempo escuro e de renuncias. Pero Concha Castroviejo, a autora de Los que se fueron -libro publicado en 1957 pola editorial Planeta e considerada a primeira novela española sobre o exilio- non desfrutou en 2010 de ningún recoñecemento oficial. Ningunha exposición nin homenaxe -como as que se lle tributaron a Torrente e a Seoane- evocou a obra dunha autora, natural de Santiago de Compostela, que con dúas novelas principais gañou un lugar de destaque na narrativa española de posguerra.

O Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega -un proxecto da Comisión de Igualdade do CCG, que desde 2005 compila materiais biobibliográficos nos máis diversos soportes sobre mulleres galegas ou relacionadas con Galicia- acaba de publicar na web culturagalega.org/album un cumprido perfil de Concha Castroviejo, asinado por Nanina Santos Castroviejo.

Nada nesta capital, nunha casa da Senra, en 1910, "de familia culta e acomodada", sinala a autora do perfil, "a nai, Concha Blanco-Cicerón, filla e neta de afervoados carlistas, morre de tuberculose en 1920 cando Concha ten nove anos. O pai, Amando Castroviejo Nobajas (1874-1934), rioxano, propagandista do agrarismo católico, do catolicismo social e impulsor da Previsión Social, é catedrático de Economía Política e Facenda Pública na universidade compostelá e promotor da democracia cristiá".

'ESTREITÍSIMA MORAL'. Esa orixe pudente e ilustrada había marcar o percurso vital de Castroviejo e dos seus irmáns, entre eles o tamén escritor José María Castroviejo. Raimundo Martínez Borobó -que coincidiu con Concha na redacción do vespertino La Noche, en Santiago, onde ela traballou entre 1951 e 1953-, explicaba nunha presada de artigos publicados en 1991 en Atlántico Diario, como a relixiosidade paterna e "estreitísima moral" determinaría a formación da escritora, que facía parte "daquelas lindas nenas da burguesía galaica, cuxos pais preferían aínda que non estudasen o bacharelato nin fosen á universidade". Malia ese rigor da época, que a afastou dos estudos oficiais, a filla de Amando Castroviejo recibiu "a instrución máis exquisita que se podería adquirir nun colexio de monxas", como o das freiras de Praceres, en Marín: as materias académicas do bacharelato, sen validar, piano, labores do fogar e francés, idioma que chegou a dominar e que foi arma de supervivencia nos primeiros pasos do seu exilio, en Bordeos.

A "inquedanza intelectual" de Concha Castroviejo levaríaa, con todo, a procurar un novo futuro, finado xa o seu pai. Matricúlase, lémbrao Borobó, para examinarse por libre das materias de Bacharelato no Instituto de Noia, "por ser máis discreto" e logo dá o salto á Universidade, onde se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras e onde principiou a súa amizade con Borobó. Con Borobó, Paco Comesaña e Joaquín Seijo Alonso, co que ennoivou e co que tiña previsto casar o 25 de xullo de 1936. "O golpe de estado militar e a Guerra -lembra Nanina Santos- cámbiano todo. Testifica a favor de Paco Comesaña no xuízo sumarísimo que se segue contra el en Santiago de Compostela o 23 de decembro de 1936, acusado de comunista e alterador de masas. Isto colócaa nunha posición difícil e busca como saír". Esa partida verificarase en 1937, aproveitando unha viaxe do industrial Gaspar Massó a Bordeos. Regresa logo a Valencia, onde casa con Seijo, e mentres el combate na fronte do Ebro ela instálase en Barcelona. Será o limiar do dramático éxodo republicano a través das montañas naquel xélido febreiro de 1939 e a dramática vivencia dos campos de concentración, a area das praias cercadas polo arame que ela tan ben describe en Los que se fueron: "Argelés, Saint Ciprien, Barcarés... ofrecían una interminable perspectiva de alambradas: alambradas y mar; y la franja de arena húmeda, estremecida del rumor de las olas", escribe.

Concha consegue chegar de novo a Bordeos e desde alí embarcará no vapor Normandía, vía Nova York, cara a México. Esa vivencia e a do posterior exilio mexicano, -até decembro de 1949, ano no que regresa ao porto da Coruña xa coa súa filla de oito anos, María Antonia Seijo Castroviejo- fían as existencias de Juan Casal, Gil Brun, Antolín Diz, Von Spingler, Serapio e Carmen Vial, personaxes unha narración aínda hoxe moderna, con rasgos documentais, vibrante, e que resultou finalista do Premio Planeta en 1956, edición na que se fixo co premio a escritora catalá Carmen Kurtz. A editora barcelonesa publicouna en 1957.

A escrita de Los que se fueron, con todo, é ben anterior. Tal como apunta Nanina Santos no seu texto, co título Las Raíces y el tiempo Castroviejo presentou a mesma novela, logo corrixida e con outro título, ao Premio Nadal en 1952. É unha novela, asegura Santos, "valente polo que di e porque está escrita no interior por unha exiliada recentemente retornada".

Esquecida durante décadas, Los que se fueron pode encontrarse hoxe na reedición que dela fixo a coruñesa Ediciones del Viento en 2009. É o seu fito narrativo xunto a Víspera del odio, que mereceu en 1958 o premio Elisenda de Montcada, que convocaba a revista Garbo. Un xurado integrado por mulleres -Aurora Díaz Plaja e Carmen Laforet, entre outras- recoñeceu esa dura e longa narración epistolar, en primeira persoa, na que o amor, a vinganza e a pantasma da guerra se volven dar a man.

fperez@elcorreogallego.es

Un espírito libre

•••Non debeu ser doado para unha muller, educada en estritas convencións, rachar co que o rigor paterno e social establecera para ela. Por iso Nanina Santos incide na posición fronteiriza de Castroviejo: "rompe as regras que se supón que debe cumprir unha señorita compostelá do seu tempo. Violenta as convicións políticas e relixiosas da súa familia. Decide sobre a súa vida con resolución e valentía. Sae adiante no exilio traballando no que pode, retorna cunha filla pequena e consegue abrirse paso en terreos onde as mulleres son excepción: o xornalismo, a crítica e a literatura".

Aqueixada dunha doenza dexenerativa, o 9 de decembro de 1995, hai agora quince anos, morreu, arrodeada pola súa familia, na súa casa de Ribera del Manzanares, en Madrid. En silencio, como este seu centenario en 2010, marchaba a muller de coraxe, o espírito libre e independente ao que este ano ninguén lembrou nin lle rendeu honores.

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS