Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Lunes 21.04.2014  | Actualizado 09.10 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

literatura infantil e xuvenil

Inmigración/emigración e identidade

Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz

BLANCA-ANA ROIG RECHOU. SANTIAGO  | 28.04.2010 
A- A+

É de xustiza iniciar esta sección visualizando unha obra de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) un clásico contemporáneo da LIX e autor dunha ampla listaxe de títulos gozosos.

Este vilalbés nunca deixa de sorprendernos con propostas innovadoras, tanto temáticas coma formais, transmisoras dunha poética moi persoal, inconfundible. No ano que acaba de rematar, publicou tres títulos: Valados e A dama da luz nos que reflexiona sobre a amizade, solidariedade, odio, xenreira, fraternidade, igualdade, liberdade, elementos identitarios... e Lúa do Senegal (Xerais) na que se achega, coa axuda das ilustracións de María Seoane, cruamente pero con sensibilidade, afectividade e calidade literaria, á emigración/inmigración, dependendo do lado desde o que se mire o ter que abandonar, por circunstancias varias, non por elección, a contorna xeográfica de nacencia e a identidade, para se incorporar a unha nova.

Para escribir esta obra o autor documéntase en profundidade e faino ver a través dos textos que acompañan a historia que se conta, é dicir de peritextos nos que dá noticia das fontes consultadas, das causas do nacemento da obra e do vocabulario de termos do wolof, a lingua maioritaria do Senegal. Ademais, nas dedicatorias fai chiscadelas sobre a historia que se vai contar con ecos rosalianos e outros debidos a creadores de dentro e fóra de Galicia. O tempo do discurso comeza cos preparativos de Khoedi, a nena protagonista, da nai e da irmá pequena, para deixar a súa casa do Senegal e vir a Vigo, nun mes de xuño, para se reunir co seu pai que xa leva anos emigrado. Descóbrese que o pai chegou en patera, non a París como pensaban senón a Vigo, onde, por fortuna, puido alugar unha casa e reclamar a familia para iniciar unha nova vida cargada de nostalxia e sufrimento pero cunha clara intención de se implicar na sociedade de acollida, sen renunciar á súa identidade e procurando axudar aos que, coma eles, chegan a un país alleo en busca de traballo.

Khoedi, en once capítulos, cargados de simbolismo, fala coa Lúa, elemento natural que a une ao Senegal, e vaille contando os seus problemas de adaptación, recordos da súa aldea, da avoa Feriane, dos contos que lle contaba e que ela agora actualiza segundo as necesidades do momento, ao mesmo tempo que se transmiten, en catro capítulos, os gustos literarios e vitais, os medos diante do rexeitamento que percibe, e isto antes de comezar o colexio no mes de setembro. Tamén se fala nos capítulos restantes da forza que se lle transmite para saiba vivir sen renunciar á súa identidade e dándolle azos para se adaptar e se converter en transmisora da identidade propia facéndoa madurar coa forza precisa, coma a do baobab, para con esperanza, crear un futuro máis xusto.

Recórdase explicitamente a emigración galega noutros tempos. Merece ser lida, non decepciona senón que fai recordar a importancia que ten o imaxinario socio-cultural propio pero tamén como é preciso incorporarse e comprender ao outro para convivir en paz. blanca.

roig@usc.es

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil Tras catro convocatorias, desde a súa creación en 2006 froito dun acordo entre a Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais, o galardón converteuse nun bo seleccionador de tendencias, temas e autores do século XXI dentro do amplo espectro da "literatura xuvenil", tendo en conta que no xurado participan mozos e mozas. Coma tal, a preferencia pola narrativa e por historias de coidada construción que amosan olladas ao contorno, conflitos extraídos da realidade enfocados desde a psicoloxía adolescente e que implican a asunción dun posicionamento.

'Ás de bolboreta'. Un novo reto Galardoada nesta cuarta edición, Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros, achégase á contemporaneidade, tanto na temática coma na estrutura fragmentaria e aberta, o cal supón un gran reto para o lectorado, que debe superar as esixencias do texto e participar nel activamente. Nun espazo concreto e cotián, a cafetería Luzada, situada nunha cidade monumental afeita a recibir peregrinos, coinciden as vidas de clientes habituais e doutros de distintos lugares do mundo. Unha voz narradora todopoderosa retrata os personaxes con concisos trazos psicolóxicos que axudan a entender cadansúa historia, unha escolma de vidas aparentemente felices ou estragadas, coas súas covardías, erros e miserias íntimas. Os microrrelatos analépticos que conforman os capítulos esgázanse da estrutura principal, ben nun movemento de vaivén ben concedéndolles espazo nunha única ocasión.

A novela conxuga técnicas literarias e cinematográficas, con movementos de cámara que alternan angulacións e planos panorámicos con outros planos primeiros e subxectivos de determinados personaxes para afondar neles illadamente, con saltos temporais e espaciais. A perspectiva de conxunto ofrece a unión por misteriosos fíos dun contexto complexo e global e mais do mundo representado nese pequeno café ao que se lle outorga a centralidade, consonte a interconexión do efecto bolboreta que evocado no título.

ISABEL SOTO

NOVAS +

Novamente un autor galego, e xa van seis, foi galardoado co premio Lazarillo, o máis antigo de Literatura Infantil e Xuvenil. Este galardón a finais de 2009 recaeu na obra de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, obra que competiu con outras escritas en castelán, catalán e éuscaro. Parabéns. ELOS

PARA COÑECELA +

20

Deixando a un lado textos inseridos en publicacións periódicas ou as Fábulas..., de Amador Montenegro Saavedra, foi na década de 1920 cando apareceron as primeiras obras dirixidas ao lectorado infantil e xuvenil: o conto de fadas Margarida a do sorriso d’aurora (Nós, no ano 1927), de Evaristo Correa Calderón, e o relato realista Conto de Guerra (Nós, no ano 1928), de Camilo Díaz Baliño, escritos para as Escolas do Insiño, das Irmandades da Fala; e o conxunto de relatos que conforman Os nenos (col. Lar, no ano 1925), de Xosé María Filgueira Valverde. Tamén son de salientar a publicación de dous números da primeira revista para a infancia e mocidade, As Roladas (Folla dos rapaciños galegos) (do ano 1922), dirixida desde Madrid por Ramón Cabanillas. Eulalia Agrelo

NOVAS +

Os escritores Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Juan Farias figuraron entre os aspirantes a The Astrid Lindgren Memorial Award, o Premio Nobel da Literatura Infantil que anualmente concede o Consello Sueco das Artes e que leva o nome da creadora do coñecido personaxe Pipi Langstrump. O acontecemento mostra a boa saúde que ten a LIX galega. No ano 2010 mereceu este galardón a escritora de nacionalidade belga Kitty Crowther. ELOS

NOVAS -

É mágoa que o Premio Barco de vapor que se resolveu a finais do ano 2009 quedase deserto, dende esta páxina queremos animar os escritores e escritoras galegas para que tenten sorte con forzas anovadas neste ano 2010. ELOS

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS