Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Museo do Pobo incorpora a Galiciana máis de 200 títulos

Un convenio garante a dixitalización de máis de 36.000 imaxes para a biblioteca dixital

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi González, asinaron onte á mediodía na Cidade da Cultura de Galicia un convenio de colaboración para a integración no repositorio de Galiciana dun total de 202 títulos, que supoñen 36.046 imaxes de obras patrimoniais de especial interese para a difusión do acervo cultural propio, seleccionados na Biblioteca do Museo do Pobo Galego, unha institución de referencia no eido da humanística na nosa comunidade.

    A integración destas obras en Galiciana ten como finalidade a súa reprodución, difusión e comunicación pública con fins de investigación e culturais sen ánimo de lucro, e farase respectando a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual. Estableceranse así diferentes niveis de reprodución, difusión e comunicación.

    FESTAS DE GALICIA

    . Ao abeiro do desenvolvemento deste convenio e para poñer en valor esta colaboración institucional , no ámbito de Galiciana porase en marcha o micrositio Festas de Galicia, que se pode consultar no link http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/folfesgal/gl/micrositios/inicio.cmd, nel pódense consultar programas de festas das principais cidades da nosa comunidade publicados entre os anos 1880 e 1958. Precisamente, a maior parte das cento vinte e dúas obras dixitalizadas deste subcatálogo proceden da biblioteca do Museo do Pobo Galego.

    Neste novo micrositio ofréceselle aos usuarios uns documentos vencellados co noso patrimonio festivo das nosas cidades e vilas. Seleccionáronse programas das principais festas de Galicia como son o San Froilán de Lugo, o Apóstolo de Santiago, a Peregrina de Pontevedra ou o Corpus de Ourense. Os programas son en si mesmos valiosos documentos, e reflicten a vida social, cultural e mesmo económica da época.

    19 dic 2014 / 20:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito