Jueves 25.09.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Santiago. Os asinantes do manifesto ‘Os medios en galego importan’, ó que calquera que se sinta comprometido coas súas ideas pode unirse en www.osmediosengalegoimportan.com , continúan engrosando a súa páxina web. Onte, a última hora do día, eran xa máis de 3.000 as voces que se sumaran ó comunicado no que se declara que "os medios resultan imprescindibles para que a nosa lingua viva e medre con futuro", que "alguén ten que facelo e facelo agora" e, a través del, miles de persoas en toda Galicia piden "apoio" para non "deixar morrer" unha lingua.
O manifesto publicouse o martes e contou, entre os primeiros asinantes, con escritores e xornalistas de sona como Manuel Rivas, Ignacio Ramonet, Ramón Chao Rego ou Antón Losada. Nas súas primeiras 24 horas, o escrito acumulaba case 1.000 sinaturas, rexistradas, como a de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística ou Xavier Cea, presidente da Asociación de Medios escritos en Galego.
No segundo día, dende a súa activación, a páxina web recibiu centos de asinantes comprometidos coa lingua entre os que se atopa Luís González Tosar, presidente do PEN Club. Tosar, en declaracións a Galicia Hoxe, destaca que para que o proceso de normalización dunha lingua "sexa real, cómpre que a sociedade acepte a súa presenza nos medios de comunicación".
Recorda a importancia de empresas como a Tele Galega, que "nestes 25 anos deron uns froitos que están moi a vista". "Cando os medios desaparecen, estamos ante unha situación de gravidade que impide o avance".
