El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O ciclo 'Poetas di(n)versos' faise maior na Ágora da Coruña

A inauguración terá lugar este próximo luns 6 de febreiro na Coruña, na Sala Polivalente do novo Centro Sociocultural

03.02.2012 
A- A+

Estíbaliz Espinosa

“POETAS DI(N)VERSOS”, o Ciclo de Recitais Poéticos que dende o outono do 2009 consolidara un nutrido público para a poesía na Coruña, rexurde das súas cinzas nun novo e flamante espazo: o Ágora.

Iníciase así unha nova xeira para estas citas mensuais co mellor da poesía contemporánea, pois, ademais de estrear nova sede, dá un paso máis alá ampliando o seu ámbito para contar tamén con poetas de fóra da Península Ibérica.

De feito, a inauguración terá lugar este próximo luns 6 de febreiro ás 20:30h na Sala Polivalente do novo Centro Sociocultural, e reunirá á autora coruñesa Estíbaliz Espinosa xunta unha das máis sorprendentes figuras da poesía xaponesa, Yasuhiro Yotsumoto, quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.

Será a primeira das lecturas poéticas públicas deste ciclo impulsado polo Concello da Coruña e dirixido pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, que continuará a propoñer encontros cos escritores/as de maior prestixio da poesía actual galega e de todo o mundo. Sen deixar de constituír o único ciclo estable de recitais poéticos destas características en Galicia, as citas, abertas a todo o público interesado ou curioso pola poesía (ata completar capacidade) permitirán un contacto directo cos autores tanto como solicitar as súas sinaturas.

Yasuhiro Yotsumoto (Osaka,1959) criouse en Hisoshima, e ten residido tamén en América e Europa. O seu primeiro libro foi publicado en 1991, e a el seguiron outros oito poemarios máis, que acadaron notables premios coma o Hagiwara Sakutaro. Os seus poemas téñense traducido a máis de 15 linguas, incluíndo tres libros publicados en Australia, Serbia e Romanía. Así mesmo, é autor de ensaios, crítica literaria e traducións de poesía, e é o editor da web xaponesa Poetry International así coma da revista poética xaponesa “Beagle”. Pola súa banda, Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) deuse a coñecer como poeta gañando o prestixioso Premio Esquío no ano 2000 ao que seguiron tres poemarios máis. Traducido ao castelán viu a luz recentemente o cuarto, “papel a punto de” (2011). Ademais de dar aulas como filóloga e socióloga nun centro de publicidade, dedicase á música como cantante, ten levado adiante iniciativas de dinamización literaria e mantén dous activos blogs literarios. Parte da súa obra ten sido traducida ao inglés, alemán ou italiano, ou aparece en antoloxías, libros colectivos e revistas tanto galegas como estranxeiras.