Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Domingo 20.04.2014  | Actualizado 00.00 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Os Premios Xerais recoñecen a renovación literaria en voz de muller

'Periferia', de Iolanda Zúñiga, faise co Xerais e 'A filla do ladrón de bicicletas' de Teresa González Costa logra o Merlín

NUNO BESTEIRO SANTIAGO   | 13.06.2010 
A- A+

Foron os premios da renovación literaria: dúas autoras nadas en 1975 aínda que xa recoñecidas, con anterioridade, pola crítica, o público lector e os galardóns literarios. Periferia, da viguesa Iolanda Zúñiga, foi a novela escollida entre a trintena de orixinais que concorreron ao principal galardón da novela galega, dotado con 25.000 euros. A filla do ladrón de bicicletas, da grovense Teresa González Costa, logrou á súa vez o Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado cunha contía de 10.000 euros, e que nesta edición, celebrada na Illa de San Simón, no seo da ría de Vigo, cumpría o seu 25 aniversario.

Periferia parte, segundo o ditame unánime do xurado, "dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, o autor ou autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela".

Para o xurado «esta obra, a pesar de que foi elixida por unanimidade, require dunha lectura atenta e, desde logo, non é posible xulgala cos criterios habituais cos que xeralmente nos referimos á novela. Nese sentido, a novela presentada co lema O avesso do avesso abre unha reflexión interesante, se cadra unha reflexión necesaria, de actualización, de forma, de apertura de novos carreiros para abordar as cuestións preocupantes e os problemas do noso tempo".

Unindo camiños desde o ámbito da lusofonía, ambientada en São Paulo, esta novela céntranos nun mundo globalizado, onde a violencia, o caos, o narcotráfico e a desorde da megalópole, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI.

Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, ao fútbol, está tecida cunha mestura de textos tipicamente postmoderna.

A xuízo do xurado, «a novela constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de sedución".

A gañadora do Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema Celerífera, conta a historia dunha nena, Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que por diversas circunstancias vive coa súa tía, dona Perfecta. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos. O xurado salientou "a perfecta combinación de tenrura e humor" da historia, a construción dos diálogos "áxiles, ocorrentes, frescos, divertidos que están moi próximos ao teatro e a dotan dun dinamismo evidente" e o "entretemento intelixente" que procura unha obra baseada nuns aspectos lúdicos, tenros e conmovedores, sen carácter moralizante e rebordante de naturalidade. tendencias@elcorreogallego.es

AUTORAS, LINGUA E EDICIÓN

••• Mestra de educación musical, Iolanda Zúñiga é autora do volume de relatos Vidas post-it, publicado en 2007, e do poemario Amor amén.

 

••• Teresa González Costa, filóloga, actriz e docente, gañou en 2008 os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María de escrita teatral.

 

••• Fina Casalderrey, mantedora do acto, leu o discurso Chove prata en San Simón que salientou a importancia da literatura infantil e xuvenil nas letras galegas e o peso decisivo do idioma.

 

••• "Felizmente vivimos na primeira década das narradoras galegas», salientou o editor de Xerais, Manuel Bragado, quen trazou, no seu discurso, un panorama dos retos da edición en Galicia.

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS