El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A Real Academia Galega premia a cinco colexios no ano de Casares

Cerca de 80 centros participaron na primeira edición deste certame das Letras

Captura de vídeo da montaxe do CEIP de Vilariño
Captura de vídeo da montaxe do CEIP de Vilariño

07.10.2017 
A- A+

A Coruña. Os colexios de infantil e primaria do Carballal (Marín), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene), e o Colexio rural agrupado (CRA) Amencer (Ribadavia), son os cinco gañadores dos premios Contádenos o voso Día das Letras, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras.
A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.
Nesta primeira edición participaron preto de 80 colexios de toda Galicia con proxectos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galegas.
Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase o vindeiro 24 de outubro na sede da Real Academia Galega.

Versos a ritmo de ‘reggaeton’. O CEIP O Carballal (Marín) participou no concurso co Casares-tón, un vídeo no que se lle pon música de reggaeton e baile ao poema Amemos de Carlos Casares.
O CEIP Antonio Fernández López, de Oural (Sarria) fixo unha adaptación da súa obra teatral infantil, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.
O CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu o seu fogar, tamén compartiu nesta iniciativa, xunto a outros materiais, unha peza audiovisual na que inclúe unha entrevista sobre el ao seu fillo Häkan Casares, antigo alumno, unha representación teatral e lecturas dramatizadas.
Outros lote de libros serán para a Biblioteca Paula Carballeira, do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños (Fene), onde o alumnado encheu o seu bosque de letras e música galegas.
O CRA Amencer de Ribadavia tamén traballou con entusiasmo arredor do 17 de maio. Nas tres escolas de San Cristovo, San Paio e Francelos, os cativos e cativas de tres a cinco anos encheron as aulas de debuxos e murais. redac.