El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ NOVELA }

Silvia Bardelás ispe as cuitas ás que se enfrontan a diario homes e mulleres

As Médulas, Silvia Bardelás, Edicións Barbantesa, 2010, 244 páxs. 17 €

JOSÉ MANUEL ESTÉVEZ-SAÁ  | 02.12.2010 
A- A+

COÑECÍA A profundidade reflexiva de Silvia Bardelás polos estupendos artigos que verte no seu blog ellectorperdido.com, mais non imaxinaba que, coa lectura da súa novela As Médulas, íame a atopar cunha escritora que é capaz de plasmar na súa faceta creativa todo un exercicio de musculatura literaria tanto pola forma como pola temática que trata. Silvia Bardelás (Vigo, 1967) é capaz de construír nesta novela unha narración poliédrica, detallista, descritiva por veces e omnisciente outras, que en ocasións nos lembra o xénero cinematográfico de autor. A caracterización dos seus personaxes é envolvente, os seus protagonistas non son estáticos, evolucionan, e a súa viaxe axúdanos a xulgar o noso propio crecemento. En As Médulas, Silvia Bardelás fálanos de mobilidade social, das nosas posibilidades vitais, da viaxe dunha muller (Sara) que camiña na procura da súa identidade e independencia. Tamén coñecemos a ansia de liberación dun home (Juan), as barreiras da súa vida, os límites impostos por unha familia que o frustra e non o enche. Sara e Flora por unha banda, e Juan e José pola outra, constitúen o referente dos grandes temas que preocupan ao ser humano. Soños, desexos non consumados, paixóns esgotadas, dúbidas non resoltas, ilusións irrenunciables, etc., emerxen ao amparo dunha paraxe montañosa natural que emula a beleza da propia linguaxe utilizada pola autora. Sen dúbida, unha aposta gañadora do selo editorial Barbantesa e do seu compromiso coas voces internacionais máis reflexivas; aquelas que moitas veces pasan desapercibidas ao crítico e ao lector. Fantástica a noticia da súa tradución ao alemán e da súa inclusión no proxecto New Spanish Books.