El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Sito Reboredo: “Os grupos galegos deberían actuar cos de fóra cando veñen a Galicia”

Guitarrista de ‘Kastomä’, grupo de rock and roll galego, creado no ano 2000 na vila de Ordes

VANESSA MUNÍN SANTIAGO  | 27.09.2010 
A- A+

C.
Imaxe do grupo ordense de rock and roll Kastomä durante unha das súas actuacións
FOTO: C.

Nacido no ano 2000 en Ordes, e creado por un grupo de amigos con moitas ganas de facer rock and roll e de pasalo ben. Así se pode definir a esencia do grupo Kastomä. Sito, compoñente do grupo, cóntanos a súa curta pero interesante historia.

¿Como xorde a idea de crear o grupo Kastomä?

O grupo formouse no ano 2000 por 4 dos 5 compoñentes actuais. Eramos todos veciños de Ordes. Tiñamos a ventaxa de ter local de ensaio propio pero por outra banda a contra de non ter ningunha idea de tocar ningún instrumento. O que máis sabía coñecía 4 acordes e para o rock and roll, tampouco fai falla saber máis. O único que había que poñerse de acordo era en tocar sempre e ao mesmo tempo todos a mesma nota. Tiñamos ilusión por dar o noso primeiro concerto, gañas de pasar o tempo xuntos no local, afán de superación, é dicir, desexos de poder tocar algún dia sen ter que mirar para os dedos. Decidimos pois montar un grupo, xa acadamos algunha destas metas pero o de tocar mirando para os dedos…en fin, estamos falando de rock and roll and roll non de facer música.

¿Por que decidides poñerlle o nome de Kastomä ao grupo?

Escoitámosllo dicir unha vez a un home en Santa Comba e fíxonos moita gracia. Ata chegamos a facer unha canción co mesmo nome donde  a letra decía:       "kastomä que esta ronda pagho eu…". Este tema está incluído no noso primeiro traballo titulado: Tomámoslle outra…?  Kastomä é o sonido que chega ós teus oidos cando alguen che pregunta qué queres tomar? moi rápido. Dá moito xogo, por iso lle chamamos así ao grupo.

¿Que vos levou a crear a canción A ruta do grelo?

Nós somos de Ordes e Oroso. A canción trata de reinvindicar a nosa zona como zona de especial protección greleira. Decidimos darlle o mellor recoñecemento posible. Establecemos por tanto un símil comparativo entre a Ruta 66 que une Chicago con Los Angeles e a N-550. En USA podes comer comida basura ou ver unha peli no cinecar sen baixar do coche. Na nosa zona a parte diso, podes facer moitas cousas máis, como mercar calquera producto do campo nas mellores condicións ecolóxicas e coas máximas garantías porque estano vendendo diante da súa propia casa.

¿Cales son as vosas influencias musicais?

As nosas influencias son a música que escoitamos e os concertos que imos ver. É  difícil dicir qué estilo temos porque o que fas e ir escoitando música diversa, e se unha temporada escoitas a Barricada, Suaves, Hellacopters, vas a concertos de Money M, Chimo Bayo e a Orquesta Mondragón ao dia seguinte colles a guitarra e saeche unha canción nova, iso é inevitable.

¿Como foi a acollida do público co voso disco Almas da noite?

A xente sábese as cancións nos nosos concertos e iso é moi gratificante. Demostra que o disco funcionou. Tanto físicamente coma nas descargas gratuitas na rede. Tivemos unha moi boa acollida. De feito fixemos 1000 copias e vendemos todo. Aconselláronos facer outra edición pero cremos que xa está ben. Un grupo nos dias de hoxe non debe facer máis de 1000 copias, o resto para internet. De facer outra edición sería con un disco novo.

¿En que vos inspirades para escribir as vosas letras?

Pois inspirámonos no día a día, en cousas que ves, outras que che gustaría cambiar, outras que inventas. A maioría delas son historias da noite, a carón da barra dun bar por iso o título de Almas da Noite.

 ¿Quen disfruta máis cos vosos concertos, o público, ou vos mesmos?

Nós disfrutamos moitísimo, e o público disfruta máis aínda cando se saben as cancións. Para iso fai falla unha mellor difusión dos grupos galegos e non tanto bombo aos internacionais que eses xa teñen o ceo gañado. Unha boa idea sería a de misturarse cos de fóra cando veñen a tocar a Galicia. Eso facilitaría a  interacción musical entre grupo e público, que o temos moi mal habituado, porque últimamente só "consumen" o que ven na publicidade, e o resto non existimos para a gran maioría.

¿Esperabades o premio do festival de Cans 2010 polo video A ruta do grelo?

Sería pretencioso pola nosa parte crer que iamos gañar. Nós afrontamos o festival con tódalas gañas do mundo. Fixémolo cun video que modestia aparte, está moi ben dirixido por Matias Tarrío e Gaspar Broullón. Eles sí que merecen este premio. E para eles vai o noso agradecemento.

¿Para cando tedes previsto publicar un próximo traballo?

Agora mesmo estamos facendo os temas novos compaxinando cos concertos. Seguramente para o ano que ven teremos algunha nova.

¿Onde serán as vosas próximas actuacións?

A nosa próxima actuación será o día 30 de outubro en Maceda, na provincia de Ourense, no Festival O Pipotazo.

tendencias@elcorreogallego.es