El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Un campo de traballo lugués acolle mozos de todo o mundo

Voluntarios de varios puntos do globo acondicionan durante dúas semanas unha ruta de sendeirismo na aldea becerrense de Quintá de Cancelada

OLALLA TUÑAS SANTIAGO   | 25.08.2011 
A- A+

A.C.N.
VOLUNTARIOS O grupo de mozos tras unha cea por conta da Casa do Bataneiro, no lugar de Cortella, Lugo
FOTO: A.C.N.

"Veñen da República Checa, Alemaña, Italia, Polonia, México e de varios puntos de España, e todos están encantados", declara Antonio Álvarez ao preguntarlle polas mozas e mozos que acudiron a pasar dúas semanas (dende o 15 de agosto) no campo de traballo que el coordina. Este foi organizado pola Asociación Castaño y Nogal na aldea de Quintá de Cancelada, en Becerreá, Lugo, a través da ONG Servicio Civil Internacional (SCI).

"Este é o segundo ano que o organizamos e foi todo un éxito", asegura o avogado Álvarez, quen subliña que non recibiron "ningunha axuda" por parte da administración para levar a cabo a actividade do campo, o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo de 16 quilómetros á beira do Río Donsal. O proxecto, que comezou a desenvolverse o ano pasado contou co apoio do Concello de Becerreá á hora de rehabilitar unha vella escola como sede do colectivo co fin de aloxar aos voluntarios.

Malia as dificultades, o campo de Quintá foi o segundo "máis demandado" para a edición do 2011. Álvarez explica a notoriedade do proxecto pola "forte aposta que fai polo medio ambiente e rural", unha das accións prioritarias que contempla a ONG Servicio Civil Internacional. O campo tivo uns custes de 13.000 euros que asumiron a directiva do de Castaño y Nogal con pequenas achegas en materiais de traballo, ferramentas, xantares e ceas, pagadas por negocios da zona e veciños. Álvarez adianta que ademais de celebrar unha festa de despedida o 27 en Quintá, "levámolos dende Malpica aos Ancares e viron facer pan e a artesanía de Buño".

 

EMBAIXADORES. "É un proxecto que podería ser un referente no rural galego, mais faltan apoios", destaca Álvarez, que é nativo da aldea pero actualmente exerce de avogado na Coruña. "Estas mozas e mozos son coma embaixadores de Galicia no exterior e veñen a facer o que non fan as administracións, hai que estar á súa altura".

A Asociación Castaño Y Nogal xorde co obxectivo de "lidar coa administracióN, poñer en valor as riquezas naturais e etnográficas da zona e dinamizar a vida cultural de Quintá de Candelada", sinala Álvarez.

"O esquezo desta entorna, o envellecemento dos habitantes, a despoboación e sobre todo a situación de abandono" na que se atopa esta parroquia de Becerreá foi o que levou a varios veciños e xentes da aldea que están noutros puntos de España, a crear Castaño y Nogal en maio do 2008.