O RETORNO DE VÍCTOR FREIXANES á literatura, tras case vinte anos de silencio, é, xa de seu, todo un motivo para a celebración. Os dezasete anos que pasaron, doutra banda, foron un motivo para manter aos seus lectores, entre os que me atopo, absolutamente desesperados. Coñecín a Freixanes fai precisamente vinte anos, quizais un pouco máis, cando me iniciaba no xornalismo e na literatura, e falamos algunhas veces desa obra súa, O triángulo inscrito na circunferancia, que xa entón me parecía unha historia formidable, decisiva para a nosa literatura, como tamén mo parece agora. A vida ten as súas casualidades (ou non), e agora que, moito tempo despois, reencontreime con Freixanes (hai uns días, no Ateneo de Santiago), reencóntrome tamén coa súa literatura. Non deixa de resultarme curioso este paralelismo, pero esa é outra historia. Antes de nada quero dicir que Cabalo de ouros, a obra con que Freixanes volve á vida literaria (e que se presenta hoxe en Santiago, na Biblioteca Anxel Casal), supón un retorno, ou unha resurrección, como el di, realmente brillante. Volve o Freixanes que coñecemos, o autor ao que apreciamos fondamente, pero volve tamén un Freixanes novo, iluminado por unha renovada luz non usada, que inclúe as luminarias antigas, pero que golpea con forza no cerebro e no corazón. Se foron necesarios dezasete anos de silencio para volver con esta enerxía, con esa luz, que diría Gamoneda, benvido sexa o día en que entornó a porta. Estamos ante unha novela tecida con esa atmosfera de totalidade que sempre tiveron os textos de Freixanes. De inmediato, ás poucas páxinas, recibes a sensación de que o autor é capaz de manexar múltiples cabos, diversas referencias, fíos vermellos de ficción e de realidade, e todos se entrelazan e conflúen misteriosamente, coa arte máxica dun construtor de tapices. Todas as pulsións humanas caben nesta novela coral, preñada de personaxes ao estilo de Henry James, aínda que, moito máis, ao estilo de Torrente Ballester. Todo o que foi Galicia naqueles anos duros e escuros, Pontevedra, Vigo, a metáfora do seu recorrente lugar, Vilanova de Alba: son eses territorios do sur do país que Freixanes ama e coñece como ninguén. Novela total, por máis que se centre nos chamados anos do wolfram (non puiden deixar de acordarme da novela de Raúl Guerra Garrido, El año del wolfram, tamén baseada en feitos reais). A partida de cartas, é, desde logo, o asunto central, pero todo importa aquí: amparado nas narracións orais (cantares de cego), nos contos que animaban os velorios, Freixanes lánzase ao galope a lombo deste cabalo de ouro. De ouro si, como a súa linguaxe incomparable. Poboado polo desexo de narrar, quizais despois de tanto silencio, contemplamos unha historia narrada con grandísima elegancia, con ese humor que a Freixanes nunca lle falta, con ese arrecendo antigo e poderoso, coa prosa labrada primorosamente. Gran novela, fermoso agasallo para nós, os lectores, tras unha longa ausencia.
