El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Preséntase en santiago o 29 de xullo

Un libro recolle 179 cartas do pintor Carlos Maside a intelectuais como Seoane, Castelao, García Lorca, Díaz Pardo ou Laxeiro

O libro con algunhas das cartas e fotos recollidas - FOTO: Concello de Santiago
O libro con algunhas das cartas e fotos recollidas - FOTO: Concello de Santiago

SANTIAGO  | 23.07.2015 
A- A+

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas. Carlos Maside. O libro presentarase en Santiago, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, nun acto aberto ao público o vindeiro mércores 29, ás 19:00 horas.

Carlos Maside (Pontecesures 1897-Santiago 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con boa parte da intelectualidade galega do seu tempo, a do exilio e tamén a do chamado "exilio interior", como era o seu caso. O volume reúne 179 cartas do pintor, case todas inéditas, dende 1928 ata 1958. Están moi marcadas pola Guerra Civil e a longa represión posterior. "Iluminan un período de trinta anos de relación entre amigos e personalidades nacidas arredor de 1900. Na súa lectura quedan reflectidas non só situacións conxunturais moi relevantes, senón tamén a forma de afrontalas e a evolución persoal dos seus protagonistas a medida que cambian as condicións circundantes", sinala Mª Esther Rodríguez.

A publicación reúne cartas a Luís Seoane, Castelao, Federico García Lorca, Bal y Gay, Otero Pedrayo, Isaac Díaz Pardo, Cunqueiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Laxeiro, Manuel María, Ánxel Fole… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane.

O volume complétase coa incorporación de fotografías, ilustracións e manuscritos que nunca antes viran a luz. Parte deste material inédito procede do arquivo dos herdeiros do autor. As cartas orixinais estaban manuscritas e nalgúns casos mecanografadas.

Á presentación asistirá o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a catedrática de Historia María Esther Rodríguez, que reuniu e transcribiu toda a correspondencia que se recolle na publicación; o catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío, coordinador da edición; xunto coa xerente do Consorcio, Belén Hernández; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.