Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Jueves 24.04.2014  | Actualizado 20.39 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Unha homenaxe á pintura

'O pintor do sombreiro de malvas', de Marcos Calveiro, achégase ás derradeiras horas do xenial Vincent Van Gogh

MARTA NEIRA RODRÍGUEZ SANTIAGO   | 22.06.2010 
A- A+

Marcos Calveiro iniciou a súa andaina na LIX galega en 2006, ano en que deu a lume Sari soñador de mares, novela para a mocidade á que axiña lle seguiría Rinocerontes e quimeras (2007). Malia a súa incorporación á LIX en datas recentes, Calveiro entrou neste sistema literario con moi bo pé, como mostra a positiva valoración destas obras pola crítica, a súa rápida tradución a outras linguas da contorna (caso, por exemplo, do castelán e do catalán) ou a obtención de galardóns de recoñecido prestixio pola súa produción posterior, tales como o premio Ala Delta ou The White Ravens por O carteiro de Bagdad (2007); o Barco de Vapor por O canto dos peixes (2008) ou, máis recentemente, o Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 por O pintor do sombreiro de malvas (Edicións Xerais de Galicia, 2010).

Nesta última obra o vigués achégase aos derradeiros meses en Auvers da vida do pintor Vincent, personaxe que se identifica co recoñecido Vincent Willem Van Gogh (Países Baixos, 1853-Francia,1890), artista do que ao longo do relato se ofrecen datos biográficos e da súa produción pictórica, á que xa se alude dende a cuberta do libro na que está presente un dos seus cadros máis considerados.

A través dun narrador en primeira persoa, testemuña dos feitos, o lectorado agardado descobre a un tempo a plenitude vital deste narrador, un adolescente de dezaseis anos, e a perda das ganas de vivir que levarán á morte do "pintor do sombreiro de malvas" (nome co que nalgún momento da narración se identifica o personaxe de Vincent pola súa vestimenta).

A chegada deste último a Auvers supón para o narrador a descuberta dunha nova visión da vida. Ao longo de trinta e seis capítulos numerados, o mozo protagonista dá conta dos trazos do temperamento do pintor (facundia, angustia existencial, irritabilidade, etc.), así como da súa propia personalidade, que se vai conformando grazas á relación co artista e cos demais membros da colectividade da pequena vila do sur de Francia que, en moitas ocasións, atafegan a súa liberdade.

É no momento da morte de Vincent cando o adolescente terá que decidir se queda en Auvers (onde a vella tía Jojo ou o xendarme da vila lle lembran continuamente o feito de que sexa fillo de solteira; onde non amigou cos mozos do lugar, que mesmo mallan nel por mor da súa relación coa rapaza da taberna, e onde Adeline aspira a que compartan un futuro común que nada ten que ver cos seus proxectos) ou se deixa atrás todo o que o rodea para definir un novo futuro.

Trátase dunha obra moi ben documentada, de léxico moi rico e coidado (igual que os outros títulos precedentes do autor), na que Marcos Calveiro achega de maneira amena aos máis novos a traxectoria vital e profesional dun pintor de peso na historia da arte.

marta.neira1@gmail.com

Protagonistas elixidos

El Patito Editorial A nova editora El Patito Editorial puxo en marcha a colección Clásicos da Historieta Galega dedicada a recuperar obras que dan conta dos primeiros pasos da literatura gráfica, unha literatura pouco atendida até o de hoxe. Parabéns por recuperar unha obra xa inaccesible para as novas xeracións da man dun pioneiro.

Xaquín Marín (Ferrol, 1943) é o autor d’As dúas viaxes, dúas mostras dos primeiros atoutiños da literatura gráfica en Galicia. É el un debuxante que co tempo se convertería nun pioneiro do cómic, respectado humorista, ilustrador ou cartelista. Nesta obra, tras o prólogo contextualizador do director da colección, Fausto Isorna, ofrécese, en castelán, un seu relato inédito Buscando otro mundo, no que xa se albiscan trazos do estilo de Marín, como a grafía, a composición da páxina ou os pés. En clave simbólica nárrase a trepidante viaxe dun home común na procura da felicidade e como no percorrido a pesar das pexas, supera o túnel da ignorancia e o mar da incomprensión, foxe dos cantos das sereas, loita coa besta do consumo e é salvado do casamento cunha muller obxecto polas misteriosas mans dos intelectualoides. Cando consegue chegar a Culturalandia, e semella alcanzar o seu obxectivo, sofre novos percances e un fatal tropezón coa burocracia que o leva á morte. Será agora cando atope o mundo distinto e feliz que procuraba.
Séguelle A longa viaxe de volta dende as estrelas, dada a coñecer en 1973 en 2 Viaxes  (Brais Pinto) realizada con Raimundo Patiño quen fixo un prólogo que é un verdadeiro manifesto fundacional do cómic en Galicia. As concomitancias temáticas coa historieta anterior son evidentes, aínda que agora cuns presupostos enraizados no contexto galego. Arbolicia, o planeta maldito e esquecido, morre de pobreza e tristura e fornece escravos para o mundo. As esperanzas están postas no Capitán Zelta, que sucumbe aos engados dun novo planeta e permanece sen memoria durante anos, ata que lembra as súas orixes e regresa á terra nai, aínda que posiblemente tarde de máis. BLANCA-ANA ROIG RECHOU (USC)

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS