El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

‘Utramarino’, as arestas do pracer segundo a poesía de Jesús Castro

O libro, publicado por Chan da Pólvora Editora, preséntase mañá en Compostela

Jesús Castro. cartelaria.com
Jesús Castro. cartelaria.com

REDACCIÓN  | 09.11.2017 
A- A+

Santiago. Jesús Castro Yáñez, unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea, destila a celme da vida en Ultramarino, a súa nova proposta, que chega ás librarías da man de Chan da Pólvora de ­Editora.
Con este libro, destinado a ser un dos fenómenos poéticos dos próximos meses, a editora inaugura a colección Areal de Melide, que se abre á palabra e á esculca visual, ­conectando os espazos onde a poesía se concibe para ler, sentir e observar.

Jesús Castro Yáñez (Baltar, A Pastoriza, 1992) devólvenos en Ultramarino o pracer e o misterio deses instantes fuxidíos que, dalgún xeito, marcan as nosas vidas. É un libro que transpira luz e estremecementos táctiles, que asume o risco da aventura poética e o hedonismo do xogo ­introspectivo, a forza e a emoción de saberse dono de plenitude carnal.

“Falarei da chuvia, pois tamén niso consiste que chova”, escribe Castro Yáñez como limiar duns poemas que enuncian o indescifrable, o mar, a praia, o horizonte e os seres que habitan na súa confluencia, salvaxes e desbordantes.

A poesía de Castro Yáñez achégalle ás novas xeracións de poetas galegos un verso escintilante e limpo, desafiante e poderoso. Deuse a coñecer no 2015 con O vello e o minotauro, un relato que lle valeu o Premio Nélida ­Piñón. Logo, ­revelouse como poeta de palabra expansiva en Os nomes e os himnos, co que gañou o Premio Pérez Parallé. A súa obra, incluída en 13. Antoloxía da poesía galega próxima debúxase no vértice dos ollos cunha mirada profunda e prolóngase en recitais onde o poeta encontra alianzas entre o poema obxectual e a voz emitida desde os residuos da memoria.