El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Verduras e carne galega a só un clic en granxafamiliar.com

Granxafamiliar.com pon en contacto directo a consumidores e produtores do noso medio rural

VANESSA MUNÍN  | 09.09.2010 
A- A+

C.
José Sampedro cría capóns na súa casa no concello de Brión.
FOTO: C.

O tradicional mercado de produtos do agro galego non escapa tampouco á innovación das novas tecnoloxías. Proba diso é o proxecto granxafamiliar.com, unha nova forma de comercio no que a clave é o contacto directo entre produtor e consumidor.

Esta iniciativa, creada no ano 2007, naceu co obxectivo fundamental de dar saída aos produtos naturais da horta e da gandería galega que os produtores non puidesen vender de forma física.

Actualmente, forman parte de granxafamiliar dezaseis negocios de toda Galicia. Produtos como carne de tenreira, de porco, de coello, años, cabritos, capóns, ovos, pan artesán, marmeladas, hortalizas, froitas, fungos e queixos encóntranse entre a oferta dispoñible para os consumidores. 

A pataca de Coristanco. José Antonio Pose Sande é o dono da Casa Bustelo, en Coristanco, unha das granxas inscritas no proxecto. Pose explica como se realiza o proceso de compra. "Os consumidores chámannos un día pola mañá, e ao seguinte pola tarde, se é aquí en Galicia, xa o recibiron na súa casa". O agricultor, que xa leva arredor de 18 meses nesta iniciativa afirma que decidiu incorporarse para "ter unha saída para os produtos máis directa ao consumidor". "É unha canle máis de vendas para a nosa explotación", engade. Tamén destaca a oportunidade que supón para "dar a coñecer os produtos da horta galega".

Verduras como repolo, brócoli, acelgas, espinacas ou perexil medran na horta da Casa Bustelo, pero sen dúbida, o produto máis reclamado polos clientes da súa plantación é a pataca de Coristanco. Pose conta con arredor de corenta clientes, de zonas de toda Galicia, aínda que "principalmente de Vigo e Cangas".

Tenreira galega. Pola súa parte, Manuel Rivas Cortiñas, dono da Casa de Beiguello, na localidade lucense de Abadín, forma parte do proxecto desde a súa creación. Decidiu integrar a súa explotación gandeira de tenreira na granxafamiliar.com xa que lle pareceu "unha idea moi innovadora e ilusionante. A venda directa é algo estupendo".

Rivas explica que Internet pode supoñer un beneficio para este negocio, "pero é algo relativo, sería un beneficio seguro se a práctica totalidade dos fogares rurais e das cidades tiveran conexión á Rede". Como isto non é así, "pode chegar a ser un condicionante".

A súa clientela, que anda entre os 35 e 40 consumidores, é fundamentalmente galega. Desde Cataluña, Valencia e Madrid tamén reclamaron os seus produtos: "Incluso me chamaron desde Bos Aires", explica sorprendido.

Fungos e froitos do bosque. As explotacións de fungos e pequenos froitos do bosque tamén forman parte deste proxecto. A Casa dos Fungos, en Melide, leva aproximadamente tres anos integrada na iniciativa. Santiago Liñeira explica que se inscribiron no proxecto porque "vimos que era unha forma novidosa de vender e con moitas posibilidades". O cogomelo silvestre, sitaque cultivado en tronco de carballo e pequenos froitos do bosque como a framboesa, a mora, a grosella vermella e negra ou os arándanos son algúns dos alimentos que ofrecen aos arredor de quince consumidores que posúen, todos na zona de Galicia.

Ovos e capóns. En Brión, na Coruña, a Casa Sampedro proporciona ao proxecto os seus capóns e ovos. José Sampedro coincide en destacar o gran carácter novidoso desta iniciativa. Aínda que non conta cunha gran produción, Sampedro aproveita para vender aqueles exemplares que non vende de forma física, "que é para o que naceu este proxecto" explica. Santiago, Bertamiráns e A Coruña son algúns dos lugares onde se poden encontrar consumidores dos seus produtos, aínda que comenta que tamén recibiu chamadas de "Madrid, Barcelona ou Sevilla, que non atendín por falta de tempo".

Proxecto granxa familiar. A iniciativa naceu froito da firma dun convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Brión, o Concello de Antas de Ulla, Obra Social Caixa Galicia, Fundación Feiraco e Cáritas Diocesana de Santiago.

A súa finalidade non é outra que a de impulsar o desenvolvemento socioeconómico e difundir a utilización das Novas Tecnoloxías da Comunicación e da Información no medio rural galego. Deste xeito, búscase pór en valor a cultura rural, establecer canles de comunicación entre o mundo rural e urbano e incluír no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións agrarias familiares.

tendencias@elcorreogallego.es

BENEFICIOS ECONÓMICOS E DE PROMOCIÓN

••• Granxa familiar naceu para que o agro galego dese saída aos seus produtos e obter maior beneficio económico.

••• José Antonio Pose, da Casa Bustelo, explica que é un negocio que evoluciona lentamente, e que se vai dando a coñecer "sobre todo grazas ao boca a boca". Os seus beneficios acadados neste ano sitúanse en torno aos "3.000 euros" .

••• Dende a Casa dos Fungos, en Melide, coinciden en que é "unha iniciativa que se consolida pouco a pouco e que o mercado crece cada vez máis"

••• A Casa Sampedro recoñece que "o beneficio económico non se incrementou moito" pero "é unha boa forma de promocionar os produtos".

DATOS PRINCIPALES

16

NEGOCIOS Na actualidade forman parte deste proxecto 16 negocios rurais de toda Galicia. Entre eles, podemos encontrar explotacións gandeiras, granxas de capóns e porcos, hortas e plantacións de fungos, entre outros. Negocios máis pequenos e outros de máis dimensión, que buscan dar saída aos seus produtos e promocionar a calidade do rural galego, ademais do contacto directo cos consumidores.

FRASES

Manuel Rivas Cortiñas, gandeiro

"Incluso me chamaron clientes desde Bos Aires para comprar carne de tenreira galega"

"Internet pode supoñer un beneficio ou un condicionante, debido á súa aínda escasa difusión no rural"