El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Méndez Ferrín recolle hoxe o VII Premio Pen 'Voz de liberdade' do Centro Pen Galicia

REDACCIÓN  | 05.12.2017 
A- A+

Este martes, ás 19:30 horas, na Sala de Conferencias da Sede de Afundación en Vigo, Xose Luís Méndez Ferrín recibirá o galardón do PEN de Galicia destinado a autores e autoras destacados na defensa da liberdade de expresión e de opinión.

Este premio, instituído polo PEN International, a organización mundial de escritores e escritoras que vela polo derito de expresión a través do seu Comité de Escritores en Prisión (WiPC), na que Galicia está integrada desde 1989, foille concedido en anteriores ocasións a: Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel, Mª Xosé Queizán e Arcadio López-Casanova. De carácter bianual, o “Voz de Liberdade” outórgaselle nesta ocasión a Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938), escritor represaliado en varias ocasións durante a dictadura franquista, que foi detido en 1969, xulgado e encarcelado por ser autor dun libro en lingua galega considerado subversivo: “O corvo, a figueira e a fouce de ouro”. Precisamente, sería o PEN International quen se ocupase do proceso de Méndez Ferrín, chegando a enviar ao Secretario Xeral da organización, o novelista inglés Peter Elstob (Londres, 1915-2002) que se persoou no xuizo como observador. O PEN International solicitou perante o goberno español a inmediata liberación de Méndez Ferrín que, a pesar disto, tivo que cumprir a condena de dous anos en diversos penais.

A represión exercida sobre o escritor galego, foi a que motivou que Méndez Ferrín fose considerado polo PEN International como exemplo de defensa da liberdade de expresión no ano 1972.

A longa traxectoria xornalística e literaria de Méndez Ferrín, caracterizada pola defensa da liberdade de expresión, foi o principal motivo que o xurado consideoru para outorgarlle o Premio “Voz de Liberdade” que consiste nunha figura orixinal do escultor Acisclo Manzano. No acto está previsto que interveñan Luís González Tosar, presidente do Centro PEN Galicia, Xosé Ramón Pena, escritor, crítico e profesor de literatura, Rosa López, escritora e secretaria da revista “A trabe de ouro” (dirixida por Méndez Ferrín), Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura e Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia. A actuación musical correrá a cargo do grupo vigués Xardín desordenado.