El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Volver

O periódico xermano de referencia 'Süddeutsche Zeitung' trata, nun amplo traballo, sobre o posible retorno de talentos a España // Despois de 7-8 anos en Alemaña, os profesionais españois tropezan cun “teito de cristal” imposible de traspasar

Imágenes del reportaje de 'Süddeutsche Zeitung' en las ediciones digital y de papel
Imágenes del reportaje de 'Süddeutsche Zeitung' en las ediciones digital y de papel

SANTIAGO. XAVIER CEA  | 28.02.2017 
A- A+

O periodista alemán Sebastian Schoepp non evita os tópicos e os clichés máis sobados, os talvez máis emparentados cos prexuízos. A ilustración do seu traballo na edición de papel do influente xornal 'Süddeutsche Zeitung' é unha maleta pintada coa bandeira española. A imaxe que abre a reportaxe na edición dixital é unha bailarina flamenca nunha festa en Sevilla debaixo dun titular de só dúas palabras: "Viva España". O inicio do texto non é menos expresivo e revelador. Describe a un dos que está entrevistando: "Cando Diego Ruiz del Árbol fala español, xesticula ostentosamente coas manos e as súas frases martillean a conversa de tal xeito que se fai difícil interrompilo para facerlle unha pregunta. En cambio, cando cambia ao alemán, as súas mans aposéntanse pacificamente sobre os seus muslos, exprésase de xeito prudente e pausado e a súa mirada vólvese reflexiva. Neste momento é como se fora outra persoa".

Entrados en materia, a cuestión que rolda e envolve a reportaxe do prestixioso xornal xermano podería resumirse na búsqueda das motivacións que empuxan a unha persoa a deixar un país que funciona e no que xa está adaptada para volver ao seu propio, malia que pode ter dificultades socioeconómicas e de reintegración. Ademais das cuestións salariais e profesionais, a adaptación tras o retorno tamén pode ser complicada. "En España, emigrar considérase un éxito só cando o retornado trae algo positivo consigo: diñeiro, ou alomenos fillos. O interesante curriculum cargado de experiencia non parece interesarlle a moitos", dise no artigo.

O traballo parece debuxar distintas caras de España, unha politicamente débil, de perfil laboral baixo e de economía incerta, e outra tolerante, hospitalaria e non xenófoba; sen extremismos políticos, cunha poboación segura da súa identidade e moi pegada á familia, ata o punto de retratala como soporte e garante do futuro en momentos de crise. Retratos contrapostos que o periodista culmina cunha pregunta: "Por que España é única?"

Van alá case dez anos de crise económica severa que provocaron unha mutiladora sangría de mozos e mozas que buscaron fóra de España o seu futuro profesional. O efecto chamada de países da contorna avivou o éxodo. Por exemplo Alemaña, locomotora económica europea, abandeirou unha operación que perseguía a captación de profesionais e o seu asentamento estable. Fabricouse un contexto no que todo parecían vantaxes para quen emigra, porque se independiza economicamente, adquire formación e medra no ámbito profesional nunhas sociedades consideradas exemplares. Pasaron os anos e agora moitos queren regresar. É o que dán en chamar o 'retorno de talentos'. Volver. Pero por que volver?

O periodista falou en Madrid coas persoas que coordinan o proxecto 'Volvemos', que el describe como "unha asociación que ten como propósito a reintegración de emigrantes que desexen retornar". Unha destas persoas é o xa mencionado Diego Ruiz del Árbol, que viviu dez anos en Berlín e que agora dirixe desde a capital de España a súa empresa informática. Precisamente no sitio web de Volvemos está reproducida a reportaxe de 'Süddeutsche Zeitung', traducida ao castelán por José Luis Bravo. Volvemos defínese como un proxecto que quere facer posible "que os cerebros fugados durante a crise poidan volver a casa". Os seus membros traballan "resignificando o concepto emigración, reducindo as súas connotacións negativas e potenciando os elementos positivos". Dispoñen de case 6.000 perfís laborais de persoas que desexan regresar e están convencidos de que o país non pode saír adiante sen o talento dos profesionais que emigraron. Citan, como os seus mantras, que "o talento non vai volver a calquera prezo" ou que "a volta dos profesionais que tiveron que irse traerá cambios sociais, económicos e culturais moi positivos para o país."

Desde 'Volvemos' afirman que "o que se conta no xornal máis importante de Alemaña é unha alegación en favor da nosa forma de vida, da marca España, e da vontade de moitos emigrantes de volver a casa, a pesar de todo". Tamén din que é "o recoñecemento evidente de que o país non pode saír adiante sen o talento dos profesionais que emigraron. Que desde Alemaña saiban velo tan claro débenos facer reflexionar. A nós anímanos a seguir traballando con administracións, empresas e profesionais, para facer posible a volta a casa". 

Diego Ruiz menciona un dato que pode asimilarse cunha motivación razonable para, cando menos, pensar en regresar: "Despois de 7-8 anos en Alemaña, os profesionais españois tropezan cun 'teito de cristal' imposible de traspasar". O periodista pregúntalle por unha posible razón económica para volver: explicaría o regreso "o auxe económico do que fala o Presidente Mariano Rajoy?", e Diego rexeita e asegura non coñecer a niguén que volva por ese motivo.

Na reportaxe pódese ler que "o país parece conformarse co conservador Rajoy. O galego de barba gris e artes de Merkel parece ser o que mellor comprendeu que España prefire manterse nun equilibrio precario aguantado por unha política de reformas". E seguindo en clave política, pon de manifesto que hai xente decepcionada coa esquerda, nomeadamente con Podemos, "partido que promulgaba cambiar por completo a situación e que agora se atopa en proceso de autodestrución". Segundo Diego Ruiz del Árbol, o discurso de Podemos fíxolle un fraco favor aos emigrantes porque os "degrada a víctimas do sistema".

Finalmente, sobre a razón primordial para xustificar o regreso a España, Celia Arroyo, psicóloga que traballa con Diego Ruiz del Árbol, Raúl Gil e Sebastien Sanz no proxecto Volvemos, que fala moito da resiliencia como condición imprescindible que hai que desenvolver fóra para sobrevivir, apunta que “un necesita tamén o intercambio coa súa propia cultura. Necesítase unha identidade e un fogar”.

Diego alude ao corazón e ao sentimento de pertenza. Tamén ao país natal e á nostalxia dun país que, de maneira milagrosa, funciona a pesar de que segundo a UE nunca funcionase. Pero o motivo principal "está sen dúbida relacionado co concepto de familia e o seu significado, no que en España se sitúa por encima de todo, mesmo por encima da liberdade ou o éxito individual".