Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
AS AVENTURAS editoriais de Alvarellos son moi diversas e, en non poucas ocasións, sorprendentes. Pero sempre de excelente factura. Un bo exemplo é este volume, breve pero moi substancioso, no que se reúnen as grandezas culinarias de Ourense, que non son poucas, aínda que algunhas poden non ser moi coñecidas. Quizais por iso Alvarellos di que esta serie gastronómica é secreta. (Unha serie que vai continuar con Lugo, a cargo de Miguel Vila, e que, naturalmente, seguirá coas outras dúas provincias). Segredos marabillosos, segredos revelados, son os que nos ofrece Martín Álvarez, profesor de cociña moi coñecido polas súas 45 recetas con ortigas, publicado tamén por Alvarellos, e que obtivo dous premios Gourmand. Trátase, por tanto, dun pequeno pero gran libro, imprescindible, diría eu, para os que amamos a boa mesa e os produtos de extraordinaria calidade que se producen nesta terra. E moito máis en Ourense, fronteira con León, chea de contrastes gastronómicos e dunha diversidade culinaria que non necesita demasiadas explicacións. Sábeo todo o mundo. É importante sinalar que a Guia gastronómica de Galicia (Ourense) non é un libro de receitas ao uso, senón moito máis. É un percorrido polas terras ourensás, en busca do “millón de vacas”, que dicía Rivas, en busca dos peixes, aínda que esteamos terra dentro, das aves, do millo, das castañas (imprescindibles) e, por suposto, dos licores e da repostaría incomparable. Martín Álvarez lévanos por todas partes, por toda a historia, polos restaurantes secretos, polas filloas, o leite fríto, as chulas, as rosquillas e o roscón. Lévanos Martín Álvarez polos segredos da crema do licor café, como non podía ser doutra maneira se nos atopamos en Ourense. A homenaxe ás verduras de primerísima calidade tampouco falta. Este é un libro excelente, un libro que fala sobre todo da nosa cultura, das nosas cousas máis importantes. Esas cousas que non debemos esquecer, e que debemos transmitir.
![]() |
Guía secreta da gastronomía de Galicia: Ourense
Martín Álvarez
Alvarellos Editora, 2010,
137 páxs., 16 €
