El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

RADIO OBRADOIRO

"Desde a xeración do Xabarín Club a adolescencia está desatendida no audiovisual"

A triloxía literaria 'Dragal' da o salto ao cine // A produtora compostelá Ficción Producciones realizará a adaptación // O director, Julio Casal destacou que "é un proxecto cun gran potencial e un longo percorrido que pon en valor o patrimonio cultural de Galicia" // o protagonista, Hadrián, investiga a historia da igrexa de San Pedro, o Camiño de Santiago e o Códice Calixtino

SANTIAGO. RO  | 25.03.2013 
A- A+

RO
As novelas da triloxía 'Dragal'
FOTO: RO

A triloxía galega 'Dragal', ambientada na tradición e nas paisaxes galegas, converterase nun proxecto multimedia da man de Ficción Producións, que adaptará a historia de Elena Gallego Abad ao cinema, aos videoxogos, ao cómic e, ademais, crearase unha comunidade de fans a través das redes sociais.    

Julio Casal, director xeral da produtora compostelá, explicou en Radio Obradoiro que este novo proxecto segue a liña emprendida hai anos de adaptar á gran pantalla obras literarias galegas ao audiovisual. "Tiñamos ganas de achegarnos a unha historia fantástica e dirixida ao público xuvenil. Seguíamos o éxito de 'Dragal'  e varias casualidades, ou causalidades, fixeron que poidera ser posible inicialo. Ademais Elena Gallego estaba desexosa de que os libros foran levados ao cine"

O director de Ficción Producciones explicou que a novela de Gallego trata sobre a historia de Hadrián, un adolescente que acaba de mudarse a Galicia despois dunha traxedia familiar. A través dun medallón, herdanza do seu pai, descobre a existencia de Dragal, un animal mitolóxico que viviu na zona. Así, as súas indagacións lévanlle a investigar a historia da igrexa de San Pedro, o Camiño de Santiago e o Códice Calixtino.    

Casal salientou que a triloxía "a 'Dragal' denomináronna o Harry Potter galego pero é unha historia máis real, menos fantástica. Enlaza moi ben co patrimonio galego e aborda tamén a pubertade, un momento de transformación. Ademais conta co elemento clásico da loita entre o ben e o mal".

Casal explicou que "desde hai moitos anos, desde a xeración Xabarín, a adolescencia está desatendida no audiovisual. Nós queremos que a mocidade galega dispoña de contidos creados para eles e na súa lingua, sen esquecer o potencial que pensamos que 'Dragal' ten a nivel internacional". 

A película contará con actores de carne e óso e con avanzados efectos especiais en 3D. Agora, dixo, "o equipo está traballando sobre os libros, avanzando na busca de localizacións e preparando os primeiros castings". 

Síguenos en twitter e facebook