El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ximénez achega ao galego as epopeas da Idade Media

A profesora presentou a tradución dos cantares de Valtario e Ruodlieb // "Aínda seguimos sentindo o carisma dos heroes"

Maite Ximénez, onte posando coa súa obra na Facultade de Filosofía. 
 - FOTO:  Arxina
Maite Ximénez, onte posando coa súa obra na Facultade de Filosofía. - FOTO: Arxina

KARMELE VÁZQUEZ SANTIAGO   | 02.06.2017 
A- A+

A defensa do concepto de heroe e cabaleiro foi o eixo da intervención da profesora e traductora Maite Ximénez que onte presentou os seus libros Cantar de Valtario e Cantar de Ruodlieb, por primera vez traducidos do latín ao galego da man de Rinoceronte editora.

No acto, desenvolvido no salón de actos da Facultade de Filosofía, Ximénez falou de que coa tradución destas dúas epopeas quixo axudar a desmontar "o mito da escuridade medieval" e trasladou a idea á actualidade: "aínda no noso mundo necesitamos heroes, homes valerosos e astutos, igual que os medievais". Neste sentido dixo que seguimos sentindo o carisma do heroe e fixo referencia ós grandes mitos televisivos como Juego de tronos, ou El señor de los anillos, que "teñen un envoltorio que é o das sagas xermánicas. Esto é unha neo épica pero os libros traducidos son a épica raíz".

Á hora de falar das dúas obras, as súas primeiras traducións publicadas, Ximénez, tivo palabras de eloxio para o latinista e colaborador Ramón Baltar, e dixo que a súa labor como tradutora permite facer o "anosado", das figuras de Valtario e Ruodlieb. O feito de traer estas epopeas medievais á nosa lingua é facelas nosas", manifestou.

En referencia ao Cantar de Valtario, escrito no século X, está considerado como un dos máis grandes exemplos da literatura latina medieval. Con 1.400 versos presenta unha moi difícil fusión entre "a tradición xudeo cristiana, o latín e o carácter xermánico".

O Cantar de Ruodlieb escrito tamén en Alemaña un século despois, pode considerarse como o primeiro libro de cabalaría. "Foi pioneiro aínda que con éxito escaso, pero presenta a primeira escena de danza da literatura medieval, o primeiro anano, o primeiro saúdo cortés, e aquí aparece tamén o xogo do xadrez" apuntou.

Interviron tamén no acto o presidente de SEEC, Xose Carracedo; Moisés Barcia de Rinoceronte editora; e Raúl Gómez Pato, de Colección Vétera.

tendencias@elcorreogallego.es