El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Xornada sobre a muller e o sector da música no Colón

Ses, Cora Nova , Guadi Galego ou MJ Pérez participarán no encontro para analizar a industria dende unha óptica feminista

Teresa Cuiñas - FOTO: ECG
Teresa Cuiñas - FOTO: ECG

XOANA CIBES   | 17.05.2018 
A- A+

O último fenómeno da música galega vende discos, enche salas e enfeitiza á súa audiencia. ¿Hai un fenómeno Ses? Atopar a resposta á esta pregunta é unha das propostas que fai a xornada Mulleres e Música que acollerá o sábado, día 19, o Teatro Colón da Coruña. Ses será unha das convidadas. Pero haberá outras. Alí van estar tamén a DJ Cora Novoa, Mounqup, Guadi Galego, Diana López Varela, MJ Pérez, Mar Catarina ou Teresa Cuiñas. E son só algunhas das participantes -artistas, produtoras, deseñadoras, xornalistas, técnicas, managers...- que, dentro do programa A Cultura é un Dereito da Deputación da Coruña, abordarán o traballo das mulleres no sector musical nunha xornada aberta a profesionais e á cidadanía en xeral.

Visibilizar a calidade e excelencia no traballo que as mulleres desenvolven na industria da música é o primeiro obxectivo da xornada. Quérese, ademais, amosar a diversidade de procesos e tarefas que moven o sector e son desenvolvidos por profesionais mulleres. Todo dende unha óptica feminista. Haberá conversas sobre o escenarios, mesas redondas, presentacións e música en directo con tres concertos: Mounqup, Naima Acuña e Cora Novoa DJ Set.

Tras a inauguración, o encontro abrirase cunha mesa redonda na que participarán unha historiadora, Lorena López Cobas; un programador, Julio Gómez co-director do Festival Sinsal, e unha artista ben coñecida como Guadi Galego.

Conducidas pola guionista e periodistas Diana López Varela, centraranse na visibilidade e protagonismo da muller no sector.

A seguir, e enmarcada na liña de traballo de apoio á creación musical de mulleres que desenvolve a Deputación da Coruña, esta xornada servirá de foro de presentación da proposta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e de Mulleres na Industria da Música (MIM), dirixida a empresas e institucións: "Cara as lentes lilás na música". Trátase dun conxunto de medidas que contribúan a rematar coa fenda de xénero na produción de proxectos musicais.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt