El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Cando as mensaxes non viaxaban pola rede

MARÍA VIDAL  | 19.03.2017 
A- A+

Unha última carta é o nome que recibe o álbum ilustrado seleccionado como gañador do Premio Compostela correspondente ao ano 2016, unha obra entrañable e cargada de tenrura.

O autor do texto desta historia é Antonis Papatheodoulou (Atenas, 1977), que recibiu varios premios polas súas obras, entre eles, o Premio do Libro Infantil da revista Diavaso (2011) e o Premio Nacional Grego do Libro Ilustrado (2011 e 2012). A súa última obra, Unha última carta, foi realizada en colaboración con Iris Sa­martzi (Atenas, 1979). Esta artista, que traballa como ilustradora de libros infantís e ademais é profesora de debuxo en Educación Primaria, tamén foi galardoada con diversos premios, como o do Libro Ilustrado da sección grega do IBBY 2012.

Neste álbum ilustrado cóntase a historia dun afable carteiro que dedicou máis de cincuenta anos á entrega de mensaxes nunha pequena illa mediterránea. Despois da súa última xornada de traballo antes da súa xubilación, o carteiro decátase de que aínda lle queda unha última carta por entregar e axiña vai descubrir que a mensaxe que contén é especial. Iris Samartzi completa esta emotiva historia cunhas coidadas ilustracións, onde destacan as cores brancas, as azuis e as ocres. O deseño apaisado do libro, en combinación cos diferentes puntos de vista que ofrece, permite ao lector observar a narración desde moitas perspectivas, proporcionándolle dinamismo e variedade ás imaxes. A técnica empregada mestura debuxos e recortes de papel con obxectos relacionados co correo, tales como selos, anacos de cartas, paquetes ou fotografías antigas. A textura que proporciona o collage acentúase coa inclusión de obxectos tridimensionais, que dan profundidade ás ilustracións. Esta característica tamén se intensifica ao construír as figuras de dúas formas distintas: unhas son opacas con planos de papel; e outras son transparentes e locen elegantes liñas.

Doutra banda, esta edición contén uns detalles que converten a obra nun exemplar moi peculiar; así, o libro conta cunha divertida sobrecuberta atada cun cordel, reproducindo o aspecto dunha carta selada. Se o lector é observador e curioso, poderá apreciar un xogo visual no cambio do estampado das gardas do volume.  En definitiva, Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, actuando en colaboración, crearon unha historia conmovedora, que mostra un conxunto de valores tales como o amor ao traballo, o afán de superación e a amizade. mariavidal@usal.es