El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Chamádenos animais, nunca mascotas

Paula Carballeira
Paula Carballeira

VERÓNICA POUSADA  | 12.02.2017 
A- A+

A poesía xuvenil galega está de parabéns debido á publicación da última obra da polifacética e marabillosa Paula Carballeira (Fene, 1972), filóloga, contacontos, dramaturga, narradora, poeta e actriz que comezou a súa andaina no mundo da literatura mediada a década dos anos oitenta, a partir da participación e obtención de galardóns no Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho.

Nunca mascotas é o título deste orixinal poemario centrado nos animais e publicado pola Editorial Galaxia dentro da colección "Costa Oeste". Principia o volume a composición que lle dá nome ao libro, na que se desbota o termo mascota por consideralo pexorativo e na que se fai unha forte defensa dos dereitos dos animais. Aínda que a orixe da palabra mascota sexa algo tan fermoso como un amuleto que dá sorte, non debemos esquecer que está marcado pola posesión que o ser humano establece sobre el, convertendo o animal nun simple obxecto, cousificándoo.

O volume é unha achega innovadora e singular que representa a realidade galega animal con pingas de humor e intres macabros. O amor, a crueza, o sangue e o grotesco danse a man neste pequeno poemario no que, baixo a aparente sinxeleza das súas páxinas, se agochan profundas reflexións sobre o sentido da vida e o comportamento do ser humano no mundo. As vinte e catro composicións que conforman a obra acollen todo tipo de especies, deixándolle un oco, ao carón dos máis comúns gatos e cans, a roedores, aves, insectos ou réptiles. Ata os bechos anódinos para a sociedade teñen cabida.

Esta iniciativa literaria reivindicativa mostra unha ollada persoal e única na que Paula Carballeira mestura a voz dos animais coa das persoas e mesmo, nalgúns casos como en "Andocentrismo", dialoga con figuras poéticas como G. Adolfo Bécquer e as súas andoriñas, revirando as verbas do escritor sevillano. De seguro, cada lector experimentará unha ligazón especial con algún dos versos. Por exemplo, en "Invisible relativo", para os que sentimos debilidade e admiración polos gatos, amósase con sutileza o máis alá e a idea de que certos animais son quen de percibir as pantasmas e advertir a morte.

Especialmente recomendada para os mozos e mozas, pero tamén para os adultos, unha obra poética que nos ensina a ver desde outros ollos e que nos abre a mente cara ao "outro", o que é diferente. Nunca mascotas, porque os animais son compañeiros e amigos, non enredos nin obxectos. pousadascr@gmail.com