El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

Como che cambia o conto

CARMEN FERREIRA.ELOS/CIRP  | 30.04.2017 
A- A+

O dúo artístico Pinto&Chinto, conformado polo ilustrador David Pintor (A Coruña, 1975) e o escritor Carlos López (Boimorto-A Coruña, 1967), fai do humor unha das características fundamentais da súa identidade literaria, xunto coa creación de seres peculiares e extravagantes, a escolla de situacións especiais e a querenza polo absurdo, xa desde as súas primeiras obras en conxunto. Tamén é de salientar a querenza pola intertextualidade, tanto con clásicos da Literatura Infantil e Xuvenil galega, caso d’A maceira que daba calquera cousa menos mazás (Everest, 2011) que lembra a peza teatral As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), de Carlos Casares; como con clásicos da literatura universal, a través das adaptacións en formato de álbum ilustrado que teñen realizado para a editorial Bululú na súa colección “Carambola”: A estrambótica Illa do Tesouro, As estrambóticas viaxes de Gulliver e O estrambótico Principiño; como con clásicos da Literatura Infantil, ao ofrecer unha nova ollada ao lectorado máis novo.

A súa última obra publicada, Cámbiache o conto (Xerais, 2016), é unha interesante, orixinal e novidosa achega aos contos da transmisión oral e de H. C. Andersen máis coñecidos na cultura occidental. O lector asiste a unha nova lectura deses contos na que se manteñen os personaxes e a trama argumental, pero cambiando agora o final; estratexia que empregan Pinto&Chinto para renovalos e cargalos de humor e que lembra os exercicios literarios que propuña xa pola década dos 70 o mestre Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía.

Así é que, mediante o uso da modalidade do microrrelato, xa presente en Minimaladas (Xerais, 2007), Novas minimaladas (Xerais, 2008) e Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka, 2010), o lector coñece en tan só dúas páxinas a esencia de “Os sete cabritiños e o lobo”, “Polgariño”, “A Bela Dormente”, “Os tres porquiños”, “O frautista de Hamelín”, “Rapunzel”… e así ata unha nómina de vinte e cinco contos que chaman a atención polos inesperados, divertidos, sorprendentes e revirados finais e que se acompañan todos eles dunha ilustración humorística do personaxe principal.

Desde logo, a lectura de Cámbiache o conto cónformase nun interesante exercicio de intertextualidade para nenos e adultos que se poderán achegar cun sorriso nos beizos a novas propostas de contos intemporais, compartindo interesantes experiencias lectoras en familia.
verinesa@yahoo.es