El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Crocodilos con letras: un alfabeto de M. Sendak

SARA REIS DA SILVA UMINHO/ELOS/LIJMI   | 15.04.2018 
A- A+

En 2017 Kalandraka Editora, no seu labor de recuperación da produción do xenial creador Maurice Sendak (1928-2012), publicaba Vida de Crocodilo, un alfabeto que viu a luz orixinalmente en 1962. Estruturado a partir do abecedario, o texto verbal artéllase con divertidos cadros visuais, cromaticamente contidos, todos dominados por unha familia de crocodilos. Palabras e ilustracións están marcados polo humor do insólito dalgunhas situacións cotiás recreadas destes animais personificados. Salienta o discurso conciso e simple en primeira persoa do plural aderezado de rimas e repeticións fónicas, con aliteracións e asonancias, que conforman un estimulante xogo de sons que favorece a memorización.

Un volume moi atractivo e útil para quen dá os primeiros pasos na aprendizaxe das letras, das palabras e da lectura, en concreto, da literaria, e para quen queira gozar coa arte e o sentido de humor de Sendak.

sara_silva@ie.uminho.pt