El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

Da decadencia á esperanza

En 'Nena e o mar', de Érica Esmorís, unha agoniante vila mariñeira revive grazas á intervención dunha valente pequena

TEXTO EULALIA AGRELO COSTAS. CIRP/ELOS COORDINADA POR BLANCA-ANA ROIG RECHOU   | 27.03.2016 
A- A+

Desde a súa aparición no ano 1986, o Premio Merlín de Literatura Infantil deixou tras de si un ronsel de obras de referencia por seren anovadoras nas súas temáticas e estratexias discursivas, de aí que se inclúan en diferentes seleccións e gocen do favor do público. Esta venturosa travesía é a que está a percorrer Nena e o mar, de Érica Esmorís (A Coruña, 1977), que foi galardoada na convocatoria de 2015 do premio de Edicións Xerais e que xa alcanzou a súa terceira edición. Isto non é de estrañar, pois esta coruñesa, que abandonou a profesión de veterinaria seducida polos encantos da creación, enrolouse na escrita desta historia fornecida dos aparellos apropiados para capturar preadolescentes ansiosos por morderen o anzol de textos máis complexos e substanciosos.

'Nena e o mar' articúlase en dezasete episodios salpicados polas atraentes ilustracións verde-azuladas de Dani Padrón (Ourense, 1983). O seu carácter de novela coral xustifica que os primeiros pasos narrativos se centren na descrición da decrépita vila mariñeira de Porto Balea, da que os seus lonxevos habitantes agardan indolentes a fin dos seus días. Un narrador heterodiexético desvela as historias persoais do calado mariñeiro Umu, da lapadoiras mestra Aia, da transgresora enfermeira Hannah, do fantasmagórico fareiro Noon... A todo este elenco de personaxes marcado por negativas experiencias oponse Nena quen, malia sentirse magoada pola orfandade materna, se deixa levar pola súa teimosía e se dispón ao imposible para salvar o seu pai Otto.

É neste intre cando Nena e o mar suca polas augas dos relatos marabillosos e a súa protagonista central actúa como unha destemida heroína disposta a iniciar unha arriscada misión, na que o amor e a solidariedade ecoan desde múltiples recantos. Dun xeito silandeiro, a apatía dos anciáns de Porto Balea transfórmase en compromiso e avituallan a Nena de todo o necesario, sen esquecer o elemento máxico representado polo dente de quenlla de Noon. É a partir de aquí cando ondean con máis intensidade as augas desta reescritura, xa que a chegada á Illa das Sereas, o rescate do pai e o asedio das pérfidas sereas sitúan nun estado de extrema inquietude os protagonistas e o lectorado.

O enfrontamento máis cruel está aínda por librarse, pero a actuación da colectividade determina que esta reescrita repleta de aventura e emoción, que nos fai lembrar o relato de "A serea da Illa Negra" de Agustín Fernández Paz, conclúa felizmente. Non todas as entortaduras do pasado se poderán remediar, aínda que, a través desta vivencia catártica, os homes e mulleres de Porto Balea libéranse dos seus traumas e conseguen pechar o círculo das historias encetadas nun inicio. Unha nena ben pequerrecha daralles unha gran lección: mentres hai vida, hai esperanza e futuro.

eagrelo@yahoo.es

PARA LEMBRAR

Lembramos que Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil acepta artigos, notas e recensións en galego, castelán, inglés ou portugués para o número 3 (2016). En breve publicaranse os traballos xa aceptados, con doi individualizado para cada traballo, ata completar o número. Esta revista, que fomenta un espazo de debate e reflexión ao redor da LIX, está indexada en REDIB. Máis información en http://www.usc.es/revistas/index.php/elos ELOS

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

The White Ravens 2105. Son hoxe as nosas protagonistas as obras Ícaro (Kalandraka, 2015), de Federico Delicado e O meu pesadelo favorito (Galaxia, 2015), de María Solar por seren seleccionadas para formar parte da listaxe de libros infantís The White Ravens 2015, da Biblioteca Xuvenil Internacional de Munich. Trátase dunha selección anual de libros publicados ao redor de todo o mundo, dos que se fai unha exposición e logo ingresa no prestixioso catálogo da biblioteca. No caso da obra O meu pesadelo favorito, que invita a imaxinar e a reflexionar sobre o respecto ás diferenzas, xa fora galardoada co Premio Lazarillo en 2014 e o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro infantil en 2015. O álbum Ícaro, que afonda no desexo e a esperanza, tamén foi distinguido co VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado en 2014 e este mesmo ano co Premio Fundación Cuatro Gatos, ademais de ser incluído na Lista de Honor IBBY 2016. ELOS

Literatura Infantil e Xuvenil

PARA COÑECELA +

2000
LiBROS. LiTERATURA PARA A iNfâNCiA E A JUvENTUDE E EDUCAçãO LiTERáRiA, iLUST. DA (DERivA EDiTORES, 2013), DE MARíA MADALENA CARLOS TEixEiRA DA SiLvA E iSABEL MOCiñO GONzáLEz (COORDS.). Este volume céntrase na análise e reflexión sobre a relación entre Literatura e Ensino abordado desde novas perspectivas e tendo en conta que estes dous universos manteñen unha relación marcada pola continua evolución desde o punto de vista conceptual, histórico e social. Os traballos reunidos tiveron a súa orixe nos Encontros LusoGalaico-Franceses do Livro Infantil celebrados en 2012 e, despois de incorporar os debates e reflexións xurdidas no evento, foron incluídos na monografía. Presenta a seguinte estrutura: estudos, entrevistas, experiencias e propostas de carácter didáctico e recensións de obras críticas. Iníciase cunha introdución do profesor José António Gomes, quen destaca a relevancia do concepto de educación literaria dentro das metas curriculares no ámbito escolar. Cabe destacar en relación coa Literatura Infantil e Xuvenil galega os seguintes traballos: Educación literaria, historia literaria e Literatura Infantil e Xuvenil”, de Blanca Ana Roig Rechou; “O Premio Merlín e o 25 aniversario da colección Merlín”, de Marta Neira Rodríguez; “Fina Casalderrey, Ramón Caride Ogando, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro: a importancia do Premio Merlín nas súas traxectorias”, de Isabel Mociño González; “Unha experiencia lectora que convida ao coñecemento e á reflexión. Propostas de lectura a partir da obra de Agustín Fernández Paz”, Eulalia Agrelo Costas; “Reescritas dos contos populares dos irmáns Grimm en formato álbum. Propostas de lectura para traballar na aula”, de Carmen Ferreira Boo; e finalmente, “Traducións de clásicos: Le Petit Prince, de Antoine de Saint-Exupéry. Propostas de lectura para traballar na aula”, de Mar Fernández Vázquez. Mónica Álvarez Pérez