El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Derrubando fronteiras desde o teatro infantil

ISABEL MOCIÑO.UVIGO  | 03.12.2017 
A- A+

A situación marxinal do teatro infantil e xuvenil é unha realidade. É (moi) escasa a produción que se edita anualmente, porque tamén escasa é a demanda. A súa presenza como ferramenta de aprendizaxe é anecdótica na Educación Infantil, Primaria e Secundaria,pois en demasiadas ocasións é unha actividade restrinxida a preparar as actuacións dos festivais de Nadal ou fin de curso.

E a formación dos mediadores? Inexistente na maioría dos planos de estudos de mestres e profesores. E os profesionais da Escola Superior de Arte Dramática? De momento sen espazo regulado no sistema educativo.
Porén este desalentador panorama contrasta con algunhas voces que destacan pola súa constancia en escribir e publicar bo teatro infantil e en conseguir que se represente. É o caso de Carlos Labraña (Cedeira, 1969), un dos autores máis premiados e de dilatada traxectoria en Galicia. A el débenselle unha chea de títulos, como O teatro dos soños (Garola, 2005), Os sons das buguinas (Baía, 2006), Lendas da noite de San Xoán (Everest, 2008), A fraga das árbores palabras (Embora, 2013), Espantallo (Fervenza, 2015) ou O apalpador (Galaxia, 2016).

A súa última obra, O valo, foi galardoada co IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e publicada na colección Biblioteca Dramática Galega (Agadic/ Xerais). Presenta un único lance no que se recrea o encontro de Sahara, unha nena que vaga polo deserto fuxindo da guerra, e o Soldadiño de chumbo, que ergue un valo para vixiar a fronteira do seu país e impedir o paso.

A conversa entre eles é un canto á liberdade, á fraternidade e ao entendemento entre culturas, unha aposta polo diálogo, a cooperación e unha cultura da paz que desterre as demarcacións artificiosas, o absurdo das guerras e o rexeitamento do diferente. É unha magnífica obra polo contido, polos diferentes niveis de lectura,polos diálogos intertextuais coa tradición culta e os contos clásicos e pola simboloxía dos personaxes protagonistas, metáforas das desigualdades, do sometemento e da polarización entre ricos e pobres, entre dominadores e dominados. Teatro infantil moi recomendable para ler, ver representado e reflexionar sobre conflitos actuais e eternos, pois o lector/espectador non quedará indiferente ante tal exercicio de dignidade e a clara mensaxe de esperanza nun mundo mellor, por moito que algúns sigan a erguer valos. Fronte a eles, esta obra que move conciencias!
imocino@hotmail.com