El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elmer, o elefante de cores, contra as diferenzas

CARMEN FERREIRA  | 29.04.2018 
A- A+

A editorial Kalandraka acaba de sacar a lume, con tradución ao galego de Xosé Manuel González, o exitoso álbum Elmer, de David McKee (Devon, 1935), na súa colección “Tras os Montes”, dedicada a recuperar obras clásicas da Literatura Infantil e Xuvenil universal, coincidindo co 50 aniversario da publicación orixinal no ano 1968.
Trátase da entrañable e emotiva historia dun elefante que se ve distinto aos demais pois non é gris senón multicolor, inspirado na obra plástica de Paul Klee. Na busca de ser igual có resto da manda, aprenderá a importancia de ser un mesmo. Unha obra que supera o paso do tempo e que incide en temas de actualidade, como a diversidade e o respecto cara ao outro, ao tempo que promove valores fundamentais como a solidariedade, a amizade e a aceptación. Unha aleccionadora lectura para os máis pequenos da casa neste mes de maio no que se celebra o día 26 o Día Mundial de Elmer. verinesa@yahoo.es