El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Espertar da terra como reflexión do mundo actual

RAQUEL SENRA FERNÁNDEZ.ELOS  | 30.04.2017 
A- A+

Cando abres o libro, a agradable aspereza e o cheiro das súas follas lévante a un mundo sen artificios, onde o tempo camiña devagar, onde as cores, pacíficas e envolventes, invitan a impregnarse do sabor da natureza...

Sementes é un álbum ilustrado en lingua galega que a editorial Xerais publicou o pasado febreiro e que Sonia García (Ribeira, 1986) escribiu e ilustrou. A autora é unha muller tremendamente versátil que se dedica ao mundo da ilustración, da música e do ensino, e que consegue, con esta obra, entrar pola porta grande no mundo do álbum ilustrado. Ademais de texto e imaxe, Sementes ofrécenos un disco que consta de tres pistas no que podemos, por un lado, escoitar a banda sonora que creou o jazzista Álvaro Buxeiro (Camariñas, 1980); por outro, o conto narrado pola autora acompañado da banda sonora; e, ademais, unha terceira pista para ver e escoitar a historia en formato audiovisual.

A protagonista é unha rapaza que vive nun mundo artificial, sen liberdades, homoxéneo, no que comen pílulas..., o que nos leva a percibir certo paralelismo coa obra Un feliz mundo novo, de Aldous Huxley (Godalming, 1894). Nese mundo fai tempo que o campo está abandonado, non se sementa, está prohibido! Mesmo sabendo as posibles consecuencias que poden producirse, hai quen se atreve a romper co establecido e consegue espertar a terra e remover conciencias...

É unha desas obras que, na primeira lectura, pasan moitos detalles desapercibidos e quedas con ganas de volver camiñar polas súas páxinas... Texto e imaxe son moi metafóricos e a simbiose entre ambos converte esta obra nun magnífico álbum ilustrado. Continuamente atopamos reminiscencias á natureza, como as imaxes que están elaboradas con materiais naturais: grafito, café, mel e nogalina; e a música que, cunha variedade de instrumentos e ritmos, embárcanos nunha viaxe sonora a través da natureza.

Unha loita entre o artificial e o natural... Unha reflexión sobre o mundo actual, sobre as accións do ser humano... Sobre a necesidade de tomar as rendas e cambiar de traxectoria... De vivir en sintonía coa natureza, coa súa música, cos seus recendos e sabores... De bailar ao seu compás, sen présa algunha, con moito respecto e sentido... Chegou a hora de espertar!
raquel.senfer@gmail.com