El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura Infantil e Xuvenil

TEXTO CARMEN FERREIRA BOO. LITER21-USC/ELOS TEXTO CARINA RODRIGUES . CIEC UMINHO/ELOS TEXTO V. POUSADA PARDO. ELOS/CRPIH COORDINADA POR BLANCA-ANA ROIG RECHOU O ESCRITOR E PROFESOR DE SECUNDARIA XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE (RAMIRÁS, 1966)...  | 04.06.2017 
A- A+

Novas rutinas familiares

A viaxe de mamá e a superación da dor da ausencia

Ao lado das cuestións de xénero, en boga e cada vez máis pertinentes nos tempos que corren, outros tópicos ou actuais modos de vida, que teñen necesariamente na súa interpretación olladas e comportamentos diferenciados entre homes e mulleres, cada vez, máis reclaman o seu tratamento nas obras que se dirixen ao potencial receptor infantil. Sensible ao tema da maternidade, como xa demostrara no álbum Mamá, recoñecido co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado en 2013, a escritora e ilustradora arxentina Mariana Ruiz Johnson (Bos Aires, 1984) ofrece máis recentemente para os máis novos A viaxe de mamá (Kalandraka, 2016), unha historia sobre a rutina familiar e as mudanzas que padece cando, por motivos laborais, a nai precisa de se ausentar.

Non resulta fortuito que recaia o protagonismo desta narrativa sobre unha familia de elefantes, que na voz do fillo describe os acontecementos vividos nos días en que a nai ten que viaxar, quedando todas as tarefas cotiás ao coidado e baixo a responsabilidade do pai. Desde a preparación da maleta e a despedida no aeroporto, á nova rutina doméstica, incluindo a comunicación a distancia, o relato acompaña a evolución dos sentimentos do pequeno heroe perante as repentinas mudanzas de escenario familiar, véndose impedido a adaptarse e a experimentar novos sentimentos e emocións, ata que a voz tenra da nai e o cheiro a flores voltan a habitar o lar. Ao tempo que a falta da nai se fai sentir e a morriña aumenta, o fillo-elefante descobre o día a día na compaña do proxenitor, experimentando ambos a oportunidade de se entregar e coñecerse mellor mutuamente. A pesar da angustia e inseguridade inicialmente manifestadas no momento da separación - e que o incipit ex abrupto, desde logo, exprime "Mamá marcha de viaxe. Na maleta coloca as súas medias, os seus libros e ata o seu vestido de raias. Non pode levarnos con ela. Que mágoa! Papá e mais eu quedaremos na casa"-, pai e fillo logran tirar partido das situacións máis simples e rutineiras para se aproximar e superar a frustración, subvertendo as regras e convertendo esta aventura nunha experiencia divertida e enriquecedora para todos. As ilustracións, apoiadas nunha suave paleta cromática e harmoniosamente combinadas co texto e o escenario retratado, salientan a expresividaded dos personaxes, cativando ao lector e promovendo a súa identificación cunha realidade cada vez máis común. carinamiguel@ua.pt

A loita pola supervivencia

A escritora viguesa Ledicia Costas está acostumada xa ao éxito que as súas obras teñen entre a crítica e o público lector como se ven demostrando desde os seus inicios na escrita para os máis novos con Escarlatina, a cociñeira defunta, Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, entre outros, ao que se suma Jules Verne e a vida secreta das mulleres plantas (Xerais, 2016), Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015 e recentemente Premio na II Gala do Libro na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil.

Cunha imaxinativa e cinematográfica trama que engarza con brillantez, solidez e verosimilitude episodios históricos reais con escenas totalmente ficcionais, a autora enfia un relato de grande valor plástico que atrapa ao lector desde o inicio cunha aventura realmente fascinante na que o escritor francés Jules Verne se verá involucrado na súa resolución coa axuda doutros personaxes, reais (como Sanjurjo Badía) e inventados (como Violeta e Melisa). Non falta tampouco a homenaxe aos avances tecnolóxicos que imaxinou este visionario, coa presenza fundamental do somerxible Merveilleux Nautilus, e elementos lendarios galegos sobre as Illas Cíes e os tesouros de Rande.

Ambientado na cidade olívica no ano 1884, cando o afamado escritor chega accidentalmente (ou non tanto) no seu iate, o Saint Michel III, tal e como se documenta cos paratextos da prensa do momento, co avance da lectura imos entrando no misterioso enigma das Mulleres Plantas, unha fantástica estirpe feminina híbrida, a medio camiño entre a especie humana e as plantas. Verne, acompañado do grumete Pierre, chega á botica de Philipot, quen custodia o único exemplar dun libro secreto e trata de atopar a cura para a súa muller, a avoa Melisa, unha muller planta que está sufrindo a conversión en árbore e que debe ir a un bosque subterráneo nas Illas Cíes.

Salientan temas como a necesidade de colaboración para acadar fins e manter secretos, o amor nas diferentes variantes, a relación avós-netos, a necesidade de protexer a natureza, ademais de achegar de maneira amena o lector á Botánica, á Historia e á Literatura. Unha obra que misturando elementos da novela fantástica, de aventuras e histórica engaiola a adolescentes e a moitos adultos seguidores das aventuras de Jules Verne, como o demostra o feito de que no pouco tempo transcorrido xa vaia pola súa segunda edición.

verinesa@yahoo.es

Poemas para xogar coa lingua

O escritor e profesor de Secundaria Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) achégase por primeira vez á Literatura Infantil e Xuvenil cun poemario indicado para os máis novos, coa fonda intención de que o xénero poético “sexa un lazo cotián de unión entre nós”. Domínguez Alberte posúe unha ampla traxectoria que inclúe a elaboración de materiais didácticos para o ensino da materia de Lingua galega e Literatura, traducións e heteroxéneas creacións destinadas ao lectorado adulto: poesía, teatro e ensaio.
Versos para conversar, publicado pola editorial Galaxia dentro da colección árbore/galaxia, ofrece unha poesía fundamentalmente lúdica e festiva, complementada polas ilustracións de Pablo Rosendo (Vigo, 1984), nas que predominan as cores frías, en concreto a azul, que concorda co ton escollido para os títulos de todas as composicións. O libro está estruturado en cinco bloques. No primeiro, Amizades, a voz lírica presenta, mediante xogos lingüísticos, onomatopeas, aliteracións e outros recursos retóricos cinco animais da fauna galega: unha bubela, unha curuxa, un galo, un can e un cuco. O segundo, Voces, aproxímase á realidade antropolóxica da nosa terra, inserindo lendas tradicionais como a do home do saco e enxalzando unha práctica case esquecida na memoria: os contos ao redor da lareira, sobre todo, nas frías noites de inverno. Intitulado Brinquedos, o terceiro capítulo, comprende cinco composicións para rir e gozar con almorzos caseiros, cóxegas, un posto para vender verduras, o xogo da corda ou incluso a posibilidade de enredar co vento. O cuarto, “A lúa e a nena”, amosa as distintas facetas da señora lúa. Pecha o volume Soños, con seis poemas de temática diversa, entre os que destaca “Pórlle o rabo ás cereixas”, que explica a motivación desta expresión galega. A reivindicación lingüística converxe co enaltecemento da cultura popular galega nunha obra engalanada con fermosas ilustracións. Mostra unha tendencia didáctica que favorece o seu uso nas aulas: permite ampliar o vocabulario en moitos ámbitos, achegarse ás variantes dialectais e incluso distinguir entre vogais abertas e fechadas (Xogar coa lingua amosa a diferenza na pronuncia entre presa e présa). Trátase dun libro para enredar, trebellar con cada verso, dándolle voltas e reviravoltas ás verbas. Para soñar, pensar e aprender ao mesmo tempo, coa lingua como compañeira nesta aventura azulada.
pousadascr@gmail.com