El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Guerra, paixón, amor e vinganza á castrexa

Máis alá dos torques

BELÉN BOUZAS GORGAL. USC/ELOS  | 21.05.2017 
A- A+

É posíbel que Santa Tegra sexa a xoia da coroa da cultura castrexa. Eis o legado de oito séculos. Aínda hoxe ignoramos como era a vida cotiá nun castro, como era a realidade que vestía esa civilización prerromana que poboou Galiza e o norte de Portugal. E é xusto aí onde nos leva Mar Guerra (Madrid, 1963) con Norteáns, editada por Edicións Xerais na colección xuvenil Fóra de Xogo.

Mar Guerra, escritora e xornalista, foi gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil en 2008 polo relato Xenaro e o misterio da mochila verde. A este seguíronlle, conformando unha serie, Xenaro e a Hucha do Indiano (2010) e Xenaro e a Negra Sombra e Señor Meco (2015), editados na colección Merlín de Xerais.

Desta volta a autora achéganos unha novela que reconstrúe, con ambición e minuciosidade, a sociedade castrexa. A través dunha arquitectura coral, composta por unha pluralidade de voces, a narrativa mostra a organización social, política, militar e familiar dos poboados castrexos, dos norteáns.

A acción comeza coa cerimonia de iniciación de Bris, o derradeiro dos norteáns, fillo do rei de Nola. Nese intre, Leta, a filla da tecelá, desafía as sagradas leis ao tentar espreitar o ritual. Ao tempo, Pruno, escravo liberto, aproveita a situación para sublevarse e guiar aos argolados, escravos norteáns, nunha rebelión que provocará grandes mudanzas entre Nola (Santa Tegra) e O Peirao (Porto).

Mais Norteáns non é só unha novela histórica, érguese tamén como unha sorte de filosofía de vida a través desas pequenas pegadas que a autora vai deixando polo camiño. Pegadas que xa se albiscan nas primeiras páxinas e que continuarán no decorrer da narrativa, convidando ás lectoras e lectores a cuestionarse certas actitudes, pensamentos, culturas... Deste modo, traballaranse temáticas como a loita entre clases sociais, os desafíos persoais, amor e paixón, ambición e vinganza... Por iso, e aínda que a novela como xa se mencionou se publicou na colección Fóra de Xogo, dirixida a lectoras e lectores de trece anos en diante, faise necesario posuír unha certa bagaxe para a súa mellor comprensión.

En Norteáns o lector encontrará unha novela histórica cargada de paixón, ambición, vinganza, sexo... Unha escrita áxil, cinematográfica. Unha sorte de novela que esperta admiración e interese pola época, polo que foi a sociedade castrexa, a iconografía e a historia en si mesma.

 belenbouzas@gmail.com