El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Matilda, de Roald Dahl: a revolución desde a infancia

EULALIA AGRELO. UVIGO  | 03.12.2017 
A- A+

As obras clásicas son aquelas que traspasan as coordenadas espazo-temporais da súa orixe e que, co tempo, continúan a cativar a crítica e o lectorado. Entre as consideradas clásicas contemporáneas, está a novela Matilda, que Roald Dahl publicou en 1988 coas ilustracións de quen o acompañou en moitas outras entregas literarias, Quentin Blake. Os ecos desta historia transgresora tamén chegaron ao eido cinematográfico no ano 1996 nun filme homónimo dirixido por Danny DeVito e mesmo ao musical estreado en 2010 pola Royal Shakespeare Company cun notorio éxito.

Matilda foi editada en galego no ano 1990 por Alfaguara, que lle encomendou a súa tradución a X. Miguel Barros. Agora vén de ser recuperada dentro do proxecto Oqueleo que impulsa Santillana mediante o selo Edicións Obradoiro coa decisión de apostar pola literatura de calidade e comprometida desde a lingua galega. Nestas liñas insírese, sen dúbida, esta historia que seduce pola extraordinaria capacidade de Dahl para, desde unha escrita desenfadada e enfiada por un humor enxeñoso, deseñar un personaxe que, malia a escasa corporeidade que lle outorgan os seus cinco anos, consegue superar as eivas das dúas institucións máis influentes na infancia sobre as que se deita unha ollada crítica: a familia e a escola.

A extremada intelixencia e capacidade resolutiva de Matilda anímana a non asumir as indicacións duns vulgares e mesquiños proxenitores, mentres que a voraz lectura de libros lle permite ir configurando un rico imaxinario. Así mesmo é capaz de valerse dos seus poderes telequinésicos para derrubar un sistema educativo represivo que encarna a perversa directora Trunchbull e para restituírlle á encantadora señorita Honey todo o que lle fora usurpado. Elementos estes que foron retomados por Agustín Fernández Paz en títulos como Avenida do parque, 17 (1996) e A escola dos piratas (2005), nos que incidiu nas virtudes dos modelos de ensino asentados na liberdade e creatividade do alumnado.

Desde esta páxina recomendamos que se acheguen a Matilda todos aqueles que só o coñecen por oídas, xa que, seguindo a Italo Calvino en Por qué leer a los clásicos (1981), é un deses libros que lles ha de resultar máis novo, inesperado e inédito ao lelo de verdade.
magrelo@uvigo.es