El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

O amor no universo mariñeiro

O naufraxio como recoñecemento á memoria das familias do mar en 'Coma unha áncora', primeira novela de Iria Collazo

Iria Collazo López, autora da novela ‘Coma unha áncora’
Iria Collazo López, autora da novela ‘Coma unha áncora’

ANA GAYOSO RAMÓN. USC/ELOS   | 13.09.2015 
A- A+

Iria Collazo López ( Pontevedra, 1981) estréase na literatura infantil e xuvenil galega coa novela Coma unha áncora (2015), publicada pola Editorial Galaxia na súa colección xuvenil Costa Oeste, achegándose á vida cotiá mariñeira a través dunha historia de amor e dun naufraxio. Coa historia da parella protagonista como fío condutor, esta obra percorre as inquedanzas, o sufrimento, as alegrías e as ilusións dos que ven a súa vida sumida ao redor do mar. A vila mariñeira, o destino, a sorte, os comezos ou todas esas preguntas que se fan os personaxes principais ao longo do relato vertebran unha trama áxil, chea de toques místicos e misteriosos, que sitúan ao lector nun contexto de procuras, esperas, morte, paixón, celos, baleas brancas, dor e salitre.

A través de trinta e dous capítulos Iria Collazo pinta a vida que existe antes, durante e despois do mar. A historia de amor de María e Manuel, os dous protagonistas, desde que eran dous meniños que xogaban a non falarse, a declaración de amor definitiva, as cartiñas que se escribían na distancia, o casamento, os plans de futuro da vida xuntos convivindo... É dicir, relátase a construción dunha vida en común, coa feliz rutina dunha parella que busca un fillo desexado, froito dese amor que os une.

Os soños truncados polo naufraxio, a incerteza de non saber que é de Manuel e a narración a dobre voz, por parte do náufrago e da súa dona, enchen a trama de suspense, misturando as reflexións, desexos e esperanzas na posibilidade de que o amado viva dunha moza que morre de dor e de pena, mentres que agarda ter novas do seu querido home.

Son de salientar as descricións e reflexións sobre o universo mariñeiro. Todas esas escenas que viven día a día os mariñeiros e as súas familias, aludindo á natureza, aos costumes, ao duro traballo... A autora consegue achegar ao lector agardado a vida nunha vila a carón do mar, dentro dun fogar mariñeiro. Fala do que nos separa, do que nos une, como María con Amalia, a velliña cega do pobo, do que nos une á Terra coma unha áncora.

Con esta espectacular estrea a autora posiciónase como nome a ter en conta no decorrer da literatura galega actual de tendencia romántica e de misterio. Coma unha áncora é unha novela moi recomendable para que todos os públicos, desde o lectorado xuvenil ata o máis adulto, naufraguen polas súas páxinas con arrecendo a mar. Unha fermosa narración chea de amor pola terra, de respecto e recoñecemento polos mariñeiros e pola xente traballadora, testemuña da vida dos homes e mulleres que sufriron e sofren a realidade do mar. Unha novela de ambientación mariña que fala de naufraxio e amor.

PARA LEMBRAR

Lembramos que o vindeiro día 20 de setembro remata o prazo para matricularse no XII Curso de Formación "Obras imprescindibles para o ensino primario e secundario sobre conflitos bélicos", dirixido a mestres e profesorado de secundaria e bacharelato, que se celebrará os días 25 e 26 deste mes e o 2 e 3 de outubro na Biblioteca Afundación de Santiago. Para máis información http://www.usc.es/gl/proxectos/lijmi/modules/news/news_0001.html ELOS

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

Amadeo López Cobas (Noia, 1966). É hoxe o noso protagonista este escritor por recibir o pasado 24 de xullo o galardón da quinta edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, organizado polo Concello de Ribeira. Este autor noiés conseguiu por unanimidade o premio, entre as dezaoito obras presentadas, coa súa obra A Cacería que, segundo anunciou Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, será publicada a vindeira primavera na prestixiosa colección xuvenil "Fóra de Xogo". O xurado, conformado polo propio Bragado, Blanca-Ana Roig Rechou, David Pobra e Alicia Padín salientou que este relato épico, localizado nun tempo e espazo míticos, narra a toma de conciencia dun guerreiro ata converterse en heroe. Tamén indicou que se trata dunha "lectura engaiolante" que se inscribe no xénero de fantasía heroica e que propón unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe. ELOS

PARA COÑECELA + 2000

MEMORIAS DUN NENO LABREGO
No ano 2011 con motivo de celebrarse os cincuenta anos da publicación de Memorias dun neno labrego (1961), de Xosé Neira Vilas, unha das obras máis relevantes do panorama da Literatura Infantil e Xuvenil galega, publicáronse dúas monografías que se achegan a esta obra fundacional da LIX galega. Na primeira das monografías Querido Balbino: 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego (Fundación Xosé Neira Vilas, 2011), de Xosé Neira Vilas e Valentín García Gómez destacan dous estudos: “Carta a Balbino. Querido Balbino” (pp. 13-17) no que Xosé Neira Vilas, a xeito de carta ao seu personaxe, reflexiona sobre as súas andainas literarias e os momentos máis destacados na vida do autor; e “Memorias dun neno labrego e Xosé Neira Vilas” (pp. 19-22), onde Valentín García Gómez realiza un percorrido diacrónico de Memorias dun neno labrego, dende a súa primeira edición no ano 1961 até a creación da Fundación Neira Vilas e a recepción desta obra na actualidade. Na segunda monografía, Cartas a Balbino. Homenaxe a Neira Vilas (Xunta de Galicia/Gálix, 2011), de autoría colectiva, recóllense sete cartas dirixidas ao autor nas que se ofrecen desde análises bibliográficos do autor, o reflexo da memoria colectiva en Memorias dun neno labrego ou revisións sobre a figura de Balbino, entre outros temas. Pero sobre todo, recolle a visión persoal dos estudosos invitados a participar no volume, Pilar Sampedro, Uxía Blanco, Cándido Pazo, Anxo Pintos, Belén Regueira, Felipe Senén e X. Touriñán que comparten a impronta que a obra de Neira Vilas deixou neles desde diferentes perspectivas. Mónica Álvarez Pérez.


anagayosor@hotmail.com