El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Literatura Infantil e Xuvenil

Oda á natureza e ao cooperativismo

Cuberta de ‘A árbore da escola’
Cuberta de ‘A árbore da escola’

RAQUEL SENRA FERNÁNDEZ. ELOS   | 12.02.2017 
A- A+

As ideas comezan sendo pequenas sementes que, ben tratadas, xermolan en proxectos ambiciosos que acaban espallándose e florecendo desde os patios de recreo das escolas, pasando polas comarcas e as comunidades, ata encher todo o planeta e o universo de aromas e de moitas cores.

Unha historia escrita en lingua galega pero que xa está dispoñible nas súas versións traducidas ao castelán, catalán, éuscaro e portugués. 'A árbore da escola' é un álbum ilustrado que vén de publicar Kalandraka dentro da súa colección Demademora. Con esta obra, Antonio Sandoval (A Coruña, 1967) anima a aloumiñar ao medio ambiente cunhas palabras sinxelas narradas en terceira persoa. Cóntanos a relación de Pedro coa árbore do patio da escola e como, pouco a pouco, a paixón polo seu coidado e polo seu crecemento e expansión vai entusiasmando ás crianzas, aos maiores, á comunidade científica, aos animais..., tal e como unha enredadeira conquista terreos aparentemente inalcanzables... O tempo pasa moi rápido e percíbese grazas á árbore que ilustra Emilio Urberuaga (Madrid, 1954), quen nos leva de volta á escola cunhas imaxes coloridas, sinxelas desde o punto de vista compositivo e moi expresivas. Sentimos que estamos no recreo, na saída da escola, que somos unha peza máis nesta historia.

A traxectoria profesional do autor está intimamente relacionada co medio ambiente. Ten publicado varias obras sobre ornitoloxía e ocupado diversos cargos en institucións como a Sociedade Galega de Ornitoloxía ou o Grupo Ibérico de Aves Marinas, entre outras. Pola súa banda, o ilustrador é Premio Nacional de Ilustración e puxo cor a unha chea de obras, entre as que destaca a saga de Manolito Catrollos, coñecida no "mundo mundial". As cousas pequenas, as actitudes individuais, todas transforman o mundo. Pero tamén as accións colectivas, os traballos asociados, en grupo, en manada... Esta obra énchenos de esperanza, reconcílianos coa natureza e danos folgos para seguir crendo na escola como centro xerador de ideas, nos pequenos xestos, naqueles que se pasan por alto e que son tan importantes para as nosas vidas e para o noso planeta que, aínda que decotío o esquecemos, é a nosa casa. Coidar para medrar, regar para espallar, xermolar para vivir.

raquel. senfer@gmail.com