El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Paraugas na terra da choiva

Unión de fotografía e texto que cativa os sentidos

VERÓNICA POUSADA PARDO.ELOS/CRPIH  | 30.04.2017 
A- A+

A palabras semellan exiguas para presentar un escritor da envergadura de Paco Martín (Recatelo, Lugo, 1940), autor dunha das obras máis emblemáticas da nosa literatura infantil e xuvenil, Das cousas de Ramón Lamote (Galaxia, 1985), galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Barco de Vapor e incluída na Listaxe de Honra do IBBY. Desta volta, Paco Martín, que xa nos agasallara con outras creacións marabillosas como Un robot pequeno (Xerais, 1991), retoma a súa andaina literaria cunha obra artellada ao redor dun obxecto de uso común: o paraugas.

Baixo o título De paraugas, publicada recentemente por Edicións Xerais de Galicia dentro da colección “Milmanda”, acóllense oito relatos: “Inmemoriam”, “A volta do rodeo”, “Paraugas reguengo”, “Paraupark”, “O mensaxeiro de Clío”, “A procura”, “Mónica dos dous paraugas” e “Polo río”. Cada un deles principia cunha representativa fotografía de Daniel Puente Bello “DNL”, (A Coruña, 1974), na que os paraugas son os protagonistas, amosando un tenue adianto da historia que a segue. O volume compleméntase cun prólogo, a cargo de Xavier Senín no que reflexiona sobre a narrativa textual e a simboloxía do paraugas; un epílogo de Xavier Docampo, centrado na linguaxe visual, destacando o valor e poder da fotografía; e un texto, “A modo de exordio”, no que o propio Paco Martín explica a xénese da obra.

  Lendas, mitoloxía, realidade e imaxinación mestúranse nunha obra axeitada marabillosamente para ler na terra da choiva, en Galicia, e máis aínda na fermosa cidade de Santiago de Compostela. A disparidade das temáticas escollidas fai que o príncipe OwainGlyndwr, o río Lethes, unha estraña desaparición e a Mazá da Discordia se mesturen coas películas de vaqueiros, con negocios absurdos ou coa cobiza humana. Os contos, axeitados para a mocidade, pero tamén para os adultos da casa, outórganlle a ese trebello que empregamos para protexernos da choiva outra vida, unha posibilidade de rachar cos tópicos e converterse nun ser con espírito.

A semana pasada, camiñando pola rúa da Algalia de Arriba, quedei ollando en fite para unha muller que levaba no seu brazo un par de paraugas e non puiden evitar lembrarme do relato “Mónica dos dous paraugas”. Quizais ela, igual que a protagonista, tamén estivo, nalgún intre, na mesma carballeira enmeigada e anda na procura do amor da súa vida para resgardalo da choiva.
pousadascr@gmail.com