El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Percurso(s) da Literatura juvenil dos dois lados do Atlântico

CARINA RODRIGUES. CIEC  | 03.12.2017 
A- A+

Acortando distancias e estreitando vínculos, a editorial Tropelias&Companhia editou a finais de 2016 o volume monográfico Literatura juvenil dos dois lados do Atlântico, asinado por Ana Margarida Ramos (UA, Portugal) e Diana Navas (PUC-SP, Brasil), dúas docentes e investigadoras especializadas na área da LIJ, responsables, nos contextos luso e brasileiro, respectivamente, de relevantes achegas no ámbito da crítica sobre a Literatura Xuvenil producida en lingua portuguesa nos últimos anos. Esta colectánea de estudos xorde de intereses comúns e do diálogo entre as dúas autoras que, separadas polo Oceano Atlántico, buscan afinidades entre literaturas irmás, mais “de costas voltadas” e “praticamente desconhecidas da maior parte dos leitores”.

Apuntando como factores de impacto na difusión, en ambos países, os seus desenvolvementos recentes, sobre todo co aumento do interese por parte da edición e investigación, o dilatado volume de publicacións e a tradución de obras estranxeiras, o esvaecemento de fronteiras entre os grupos de idade, o tratamento de temáticas infrecuentes/fracturantes ou os bestsellers, entre outros, as autoras procuran dar conta das tendencias contemporáneas da Literatura Xuvenil en Portugal e no Brasil, ademais de realizar unha lectura comparada de ambos os universos editoriais, subliñando puntos en común, baseados na análise de obras dos autores máis recoñecidos.

Organizada en sete capítulos, de caráter panorámico e/ou teórico-analítico, inclúe a lectura de obras referentes, en concreto o estudo comparativo das producións de Alice Vieira e Lygia Bojunga, voces incuestionables dos dous universos literarios xuvenís en análise. Esta monografía posibilita a identificación de autores, obras, temas e procedementos xenealóxicos e técnico-narrativos, como a focalización e perspectiva narrativa, a intertextualidade e metaficcionalidade, o fenómeno crossover e a narrativa híbrida que actualmente son máis recorrentes nas publicacións dirixidas ao lectorado mozo, reflictindo a inestabilidade e os problemas evolutivos/conceptuais que padece este subsistema literario.
En suma, un instrumento de elevada utilidade e indispensable para a comprensión de obras que se ofrecen ao público xuvenil en Portugal e no Brasil, contribuindo para a súa lexitimación e para a do propio sistema teórico que ao redor dela se vén edificando.

carinamiguel@ua.pt