El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

TRIBUNA LIBRE

Rosa Iria

XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR  | 11.03.2018 
A- A+

A miña nai gardou consigo e para sempre os versos de Rosalía de Castro. Memoria e luces abertas na casiña labrega da Ponte de Penas, en Santa María de Melide. Un Sol de Versos. A tecedeira da ledicia a prol da Nosa Lingua cara aos albores que non cesan. Na mañá fermosa de algún día medrei eu co seu sorriso. E aprendín con ela a voz e os ecos; o xeito paseniño; a Flor da Nosa Lingua cara aos albores que non cesan.

Para sempre feliz. Sermos. E comigo medrei naquela voz polas devesas da infancia compartida. Na "Terra onde meu criei...". Dende Melide a Agolada; a aldeíña de Quian e as sobreiras de Carmoega; o Instituto Masculino de A Coruña, o mar do Orzán e a Terra de Noso. E aquela voz da Nai comigo compartida: de neno a maior, coma un galano de vidas necesarias.

Con Rosalía sempre namorei na miña Terra Feliz coma se un xílgaro. Corren os anos pola chaira e a montura da Luz e da Noite. Non hai medos. Somos todas e todos Nós no seu tempero e no sorriso do común; tal é a estirpe máis garrida de soñar e de servir. E vou e veño de "Rosa en Iria" permanente, pola Voz de noso, coma un merlo e andoriña que máis quero.

Na ousadía dun libro da miña poética, nominado "Seara" (1971-2011), editado en "Espiral Maior", souben axiña dar e ter comigo as miñas "causas", que titulara entón na páxina 293: "Rosa en Iria". Mais axiña as cento setenta badaladas e candeas do nascemento de Rosalía. E dixen digo "¿Cómo nos vai na urdime das palabras / por tanto aniversario que trasnoita / e anda en soño sentido nas esperas? /. E véxote sempre vir de algar canda os fulgores / do solsticio, noite e Luz que nos amence e somos / posuídos pola maxia das fontes e dos mares: / versos brancos cabalados no alto coma pedra / informe onde asubía o vento dos refachos / que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe / e grita : "ven axiña, non pouses , sube ao colo / da Terra e cadra aquí con Nós un Tempo / de silencio, encantenón outra mornura / e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería / de non ser senon aquela sombra que acompaña: / Rosalía na danza da risa e da intemperie / nunca altares.

ESCRITOR