El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Un baúl sorprendente lleno de poesía

JOÃO MANUEL RIBEIRO  | 29.04.2018 
A- A+

O escritor Xoán Babarro (Maceda, 1947) é un dos mestres da denominada “Xeración do 68” na Historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega (Xerais, 2015) que, a partir dos anos setenta do século XX, axudaron a conformar a LIX galega. Ten contribuído a enriquecer este sistema literario con obras narrativas, poéticas e dramáticas nas que recende o seu afán didáctico, o diálogo intercultural e a reivindicación identitaria..

Hércules de Ediciones publica a súa última obra, O baúl de Domingos Quintas, un bestiario que comeza cun relato, repartido nun inciso inicial “Cabalgando sobre bolboretas” e noutro final “A saquetiña das ilusións”, que xustifica o título da colectánea. O baúl do bisavó Domingos Quintas, carpinteiro, guardaba “unha sorpresa ben diferente (...): unha colección de cortizas de bido (...)” na que “figuraban versos gravados cunha técnica de madeira queimada”, todos “relacionados con animais”, algúns “a modo de adiviñas”.

O contido do baúl é agora este libro que se limita “a transcribir as poesías respectando a orde na que as achei, que (...) non responde a ningún criterio; xa que figuran mesturadas as diferentes ordes de animais, que é, por outra parte, como tamén as encontramos na propia natureza.”

Entre os dous incisos do relato insírense sesenta e catro poemas de cariz popular, a nivel de contido e de forma, sobre animais “entre o chan verde e o ceo azul”, que o poeta anota con citas de versos populares, tradicionais e de autor. O inciso final, referíndose a un manuscrito asinado o 2 de setembro de 1940, encontrado no baúl, é un desafío a que o lector constrúa a súa saquetiña de ilusións. Belísimo!

As ilustracións de Estefanía Padullés, adoptando o estilo da ilustración científica, achegan a esta obra poética a dimensión realista, consensuada co relato/testemuña sobre o baúl.