El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

Un mundo dunha soa cor ou un no que se mesturen todas?

TEXTO MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ. ELOS-GALICIA, LITER21/LIJMI-USC TEXTO RAQUEL SENRA FERNÁNDEZ. ELOS TEXTO MARTA NEIRA. USC/ELOS COORDINADA POR BLANCA-ANA ROIG RECHOU OS INVESTIGADORES PORTUGUESES SARA REIS DA SILVA E JOÃO MANUEL RIBEIRO SON OS...  | 24.09.2017 
A- A+

Que é ser "diferente" aos demais? Quen di o que é "normal" e o que non o é? A historia de Rufus (Kalandraka, 2017), que vivimos a través dos ollos dun morcego, fainos reflexionar sobre os prexuízos, a diversidade e a autoaceptación.

Trátase dun álbum ilustrado no que Rufus, o seu protagonista, quere cambiar e lucir tantas cores coma os paxaros e as bolboretas que descobre coa luz do día. Por que é "diferente" aos demais? Por que non é "normal"? Cando se anima a mudar o seu aspecto, a xente responde con violencia e máncano. Por sorte, aínda quedan persoas solidarias e o morcego consegue recuperarse!

Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931) escribe e ilustra esta historia cunha mensaxe coa que critica as ideas preconcibidas e o medo ao diferente e que, dalgún xeito, tamén nos fai pensar no exterminio nazi que desprezaba e violentaba a comunidade xudaica ao considerárense superiores. Viviu en Alsacia e, en moitas das súas obras, trata as relacións entre Francia e Alemaña; noutras critica as guerras, o racismo ou o maltrato animal. Gañou o premio de ilustración Hans Christian Andersen en 1998 e creou unha chea de historias para crianzas e adultos. As ilustracións deste conto son sinxelas desde o punto de vista pictórico e están cheas de expresividade. Nas secuencias nas que a noite está presente, onde Rufus é el mesmo, emprega un fondo maiormente azul aínda que, ás veces, usa o negro; cando é de día e o noso morcego quere ser algo "diferente", emprega o branco. As personaxes e outros elementos adoitan estar delimitados por unha liña negra, excepto os seres aos que Rufus admira polo seu colorido, como unha metáfora entre o que é real e palpable, e o que queremos ser, aínda sen definir.

A tradución da versión galega, feita a catro mans, correu a cargo de Sandra (Sanxenxo, 1974) e Óscar Senra Gómez (Sanxenxo, 1976). A súa presenza é invisible grazas ás palabras e expresións escollidas que manteñen a sinxeleza e frescura do orixinal.

Rufus. O morcego que adoraba as cores viu a luz en 1961 e trata unha temática que segue a estar en voga na nosa sociedade. Unha sociedade que xulga polo envoltorio e deixa para despois a esencia. Por que non loitar por un mundo no que collan todas as cores? No que o físico quede relegado a un segundo plano e miremos cara ao interior? Onde se materialicen as verbas que un día o raposo lle dixo ao principiño: "Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos."? raquel. senfer@gmail.com

Momo, a nena que simboliza a loita por desfrutar o tempo

En abril de 2017 encomezou Oqueleo, un novo proxecto editorial a prol da Literatura Infantil e Xuvenil en lingua galega, da man da editorial Santillana desde o selo Edicións Obradoiro. Entre os vinte e dous títulos iniciais elixidos, só aparecen seis de autores non galegos, entre os que destaca Michael Ende (Garmisch-Partenkirchen, Alemaña, 1929-Filderstadt-Stuttgart, Alemaña, 1995) coa narración clásica Momo.

A versión publicada en 2017 reproduce a tradución de Antón Palacio e Sonia Pérez para Alfaguara Obradoiro en 2002, mais é unha mágoa que se eliminaran o remático subtítulo Momo (ou a estraña historia dos ladróns do tempo e da nena que lles devolveu o tempo ós homes) e tamén as suxestivas ilustracións do propio autor.

Ende creara a trama para un proxecto fílmico, mais, cando este fracasou, optou por reelaborala como texto literario infantil de tendencia fantástica, dando así continuidade á liña que xa abrira no seu debut e primeiro éxito de público e crítica, Jim Botón e Lucas o maquinista (Suski Books, 2017), a pesar de que a intelectualidade alemá a descalificou como literatura de evasión, non verdadeira literatura, como calificaban naquela altura a literatura carente de compromiso social e político.

Se ben a historia comeza in medias res, Ende respectou na primeira parte a linealidade tradicional de presentación da personaxe principal e dos seus amigos; o nudo da segunda parte dedicada aos homes grises, que rompen a harmonía inicial do espazo do anfiteatro onde habita a nena e xeran o conflito solucionado na terceira parte, grazas a usar Momo as flores dunha hora para garantir o segredo do Tempo, xa que este é vida e "a vida reside no corazón".

Abondosas innovacións e peculiaridades explican que Momo se convertera nunha obra clásica, viva aínda hoxe: a protagonista é unha nena orfa, posuidora do don de escoitar os demais e conseguir que estes teñan ocorrentes ideas, a habilidade para ter amigos de distintas idades e caracteres, a loita constante por superarse, o sentido da xustiza social, a xenerosidade, a sabedoría de gozar e vivir o presente, a aprendizaxe de camiñar pensando só no paso seguinte, e a intelixencia para entender a esencia e o valor dos detalles, entre outras. margramanet2004@yahoo.es

Nova monografía arredor da autora "clásica" Alice Vieira

os investigadores portugueses Sara Reis da Silva e João Manuel Ribeiro son os organizadores de Estes livros que nós escolhemos: Contributos para a leitura da obra infantil e juvenil de Alice Vieira (Tropelias&Companhia, 2016), obra centrada na autora lusa Alice Vieira (Lisboa, 1943) e integrada nunha colección na que con anterioridade foron estudados outros escritores como Luísa Ducla Soares, Manuel António Pina (Sabugal, 1943-Oporto, 2012) ou João Pedro Mésseder.
A monografía, que acolle media ducia de ensaios arredor da autora de Rosa, Minha Irmã Rosa (1979), realizados da man de recoñecidos investigadores do ámbito portugués e galego, inclúe un traballo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Roig Rechou de especial interese para a literatura galega. Nel, Roig sitúa a autora homenaxeada na que denomina “Geração da Resistência”, xeración que tamén agrupa outros escritores tales como Ducla Soares, Antonio Torrado ou Pina cos que Vieira comparte moitos trazos en común, entre eles, o feito de seren “clásicos” por diferentes razóns que Roig expón. A continuación, dá conta da produción de Vieira traducida ao castelán, o catalán, o galego e o éuscaro; ofrece as chaves da escrita de Vieira e repasa a recepción da súa obra nos xornais e revistas do momento. A investigadora galega finaliza cun apartado no que comenta os tipos de intervención tradutolóxica e as estratexias máis empregadas á hora de traducir a obra da escritora portuguesa, e cunhas conclusións nas que destaca a importancia da tradución da produción desta autora ás diferentes linguas, pero en especial ao galego, así como a calidade e innovación das súas achegas.
Con todo, non exentos de interese e calidade para o coñecemento de Vieira resultan os traballos de Cláudia Sousa Pereira sobre Os Olhos de Ana Marta; de Ana Margarida Ramos, arredor de Caderno de Agosto; de Ribeiro, en relación coa produción poética da autora; de José António Gomes, sobre a atracción de Vieira pola literatura popular, e de Reis, quen se achega á revisión, reescrita e reelaboración realizada por Vieira da tradición oral. Trátase, en conclusión, dunha recompilación de estudos que incrementan a bibliografía existente sobre a autora lusa. Unha achega imprescindible para comprender mellor a súa obra e para axudar os mediadores no seu papel de educadores literarios cara ao fomento do hábito lector na infancia e mocidade. marta.neira@usc.es