El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Unha segunda oportunidade para o noso planeta

ALBA ROZAS  | 29.04.2018 
A- A+

No panorama literario actual, a elaboración de distopías que transcorren entre a fantasía dun mundo futuro e a realidade próxima é un procedemento moi empregado á hora de crear historias con estimulantes doses de intriga, tinguidas de crítica social e ambiental. Este tipo de obras, orientadas a facer reflexionar aos máis novos sobre a relación dos humanos co noso planeta, resultan moi ben acollidas por mediadores e lectorado e constitúen unha garantía de aprendizaxe. É por iso que o selo editorial Contos Estraños, na súa aposta pola ficción científica acaba de publicar A incríbel viaxe de Noa na súa colección "10.000 mutantes", dirixida a maiores de doce anos. Nesta novela, Fernando Cimadevila (Santiago de Compostela, 1977) ofrécenos a historia de Noa, unha nena absorbida pola rutina da burbulla tecnolóxica que é a súa cidade. Non obstante, a vida da moza muda de súpeto o día que foxe do fogar cos seus pais e asome o encargo de trasladar un precioso obxecto ao cabo do mundo.

A expectación mantense ao longo de toda a novela, pois a pesar da implacable persecución das autoridades, Noa inicia unha viaxe de procura e descubrimento sen comprender as verdadeiras razóns da súa encomenda, os poderes do obxecto que porta ou a natureza hostil da contorna. Sempre na leal compaña do seu can, Martin, a moza vai contar no camiño coa axuda de novas amizades, coma o anticuado androide Rory ou o Xinete do Ventochamado Artay.

A través das aventuras da protagonista, despréganse ante o lector unha serie extraordinaria de paisaxes, sociedades e formas de vida que abranguen desde o cumio da riqueza e o avance científico da urbe industrial ata os páramos máis desérticos e inhabitables. Os efectos devastadores da contaminación, o uso inadecuado e desproporcionado da tecnoloxía, a ambición desmedida ou a tolemia son temas que se confrontan na obra co instinto de supervivencia, a capacidade de cooperación social, a bondade e mesmo o amor. Tanto o inicio coma o desenlace, nos que o trasunto do escritor entra a formar parte do mundo ficticio, constitúen unha xogada maxistral para trasladarnos a un lugar futuro, máis próximo do desexable, e traernos de volta ao presente.

Mediante un estilo coidado e sinxelo, Cimadevila tráenos una reflexión universal non só sobre a importancia inapelable de coidar e preservar a natureza que nos arrodea, senón tamén sobre o papel transcendental da literatura e da cultura como avais da humanidade. alba.rozas@usc.es