El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Que vinte anos non é nada!

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS  | 21.05.2017 
A- A+

Nos últimos anos a música para a infancia en Galicia está a vivir unha efervescencia como nunca antes coñecera. Grupos profesionais como Mamá Cabra, María Fumaça ou Pirilampo, xunto con músicos e solistas como Magín Blanco, Sérgio Tannus, Luís Prego ou Susa Herrera veñen desenvolvendo unha rica e diversa produción musical para toda a familia.
Porén, antes dun panorama tan alentador houbo pioneiros que abriron camiños na música en lingua galega para a infancia, un público esquecido durante moito tempo por non consideralo un sector con potencialidade no restrinxido mercado galego. Entre os que apostaron por esta música destaca, sen dúbida, Migallas, grupo formado por Carlos Yus e María Campo, que achegaron á nenez obras inesquecíbeis.  Agora, cando se cumpren vinte anos do seu primeiro traballo como profesionais, edítase de novo Canta connosco! un referente na música infantil en galego que actuou como auténtico revulsivo cando se publicou en 1996. É unha coidada edición de Kalandraka Editora, na liña de proxectos lírico-musicais anteriores do mesmo grupo, como Pan de millo (2013) ou Brinca Vai! (2014), de Paco Nogueiras.

Canta connosco! recolle as letras das doce cancións que compoñen o traballo, un CD coa música, un DVD con vídeos para favorecer a práctica e aprendizaxe das cancións, que tamén se poden seguir polo karaoke. O libro conta coas suxestivas ilustracións de Óscar Villán, que lle achegan frescura e humorismo ao conxunto, así como unha presentación de Manuela Rodríguez, quen rememora a relevancia de Migallas no panorama galego e lles agradece as súas contribucións á música infantil, salientando a combinación de ritmos tradicionais e actuais e as potencialidades destes recursos para traballar de xeito lúdico e interdisciplinar aspectos como a expresión dramática, que tamén Migallas vén practicando dende hai décadas, xunto cos contacontos, as visitas guiadas teatralizadas e talleres de expresión dramática.

Diversión, xogo e ludismo asegurados, postos ao servizo do coñecemento e transmisión da riqueza cultural galega ás xeracións máis novas, de aí que esta obra imprescindible estea dedicada ás nenas e nenos que medraron coas súas cancións e aos de agora para que sigan cantando con eles con normalidade en lingua galega.
 imocino@hotmail.com