El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A voz consolidada dunha poeta sen par

Galaxia publica o poemario de Ana María Fernández Versos da tarde laranxa

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS   | 19.03.2017 
A- A+

A poesía infantil segue a ser un xénero necesitado de máis produción. Dar a coñecer novas voces líricas é fundamental, pero achegarse a aquelas que demostran oficio e saber facer é tamén un goce, posto que na novidade xorden elementos familiares, recorrentes e caracterizadores que contribúen ao pracer de quen le.

É esta a sensación que transmite Versos da tarde laranxa, de Ana María Fernández, un poemario dirixido ao lectorado autónomo e con medio cento de poesías que devalan entre o ton nostálxico da voz poética e a inocencia da ollada infantil.  Ana María Fernández é unha creadora de dilatada traxectoria que forma parte do grupo de mestras e mestres que participaron nos movementos de renovación pedagóxica e na elaboración dos primeiros materiais para o ensino da lingua e literatura galegas.

Tal como se destaca na Guía de poesía de 3 a 8 anos (en http://www.cultura.gal/sites/default/files/guia_poesia_1.pdf), os seus poemarios para a infancia caracterízanse polos recursos propios da literatura popular, o ludismo e as intertextualidades cos contos clásicos, que aparecen en títulos como Pola rúa dos versos (1990), Ondas de verde e azul (1994), A casa de había unha vez (2001), Quen vive aquí? (2004) ou Poemas que me cantou o grilo (2007). En Versos da tarde laranxa desenvolve con mestría estes elementos recorrentes da súa lírica, na que a sonoridade e o marcado ritmo poético asenta moitas veces nas aliteracións, repeticións e onomatopeas.  Desde o punto de vista temático ademais da presenza de elementos da natureza e do mar, a ollada da voz poética convértese no reflexo da vida, do paso do tempo e a busca da perpetuidade, non exenta dun ton nostálxico que se acentúa pola coidada selección léxica pero tamén polos cromatismos, presentes xa dende a cuberta da obra e nas ilustracións de María Ruiz Castelain.

A ironía, a retranca e o humor conviven coa evocación das lembranzas da infancia, as referencias ao doméstico, en especial a casa como espazo do íntimo, ao amor e á paz, concibida como un obxectivo tanto social coma individual. Amais non faltan as reflexións metaliterarias sobre a importancia da poesía na vida cotiá, da solidariedade e da acollida dos inmigrantes, facendo da obra un compendio versátil das posibilidades da lírica para abordar calquera tema. En definitiva, unha excelente mostra poética que salienta polos diferentes niveis de lectura e por configurar un suxestivo convite á descuberta e ao goce estético. imocino@hotmail.com