Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
homenaxe

Ames celebra unha fin de semana dedicada a Rosalía de Castro

Carlos Negro recitará o poema A xustiza pola man, mentres que Dolores Vilavedra encargarse de darlle lectura ao último poema en galego descuberto da escritora, Dinche o corazón

    Ao longo desta fin de semana o Concello de Ames conmemora o Día de Rosalía de Castro, que se celebra todos os anos o día 24 de febreiro, cunha serie de actividades para dar a coñecer entre a veciñanza amiense a vida e obra da escritora galega. Este sábado, 22 de febreiro, o Concello organiza unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. A programación de actividades continuará o domingo, 23 de febreiro, cun acto que se desenvolverá, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste evento haberá música a cargo do grupo de pandereteiras As Maianas e da Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido. Tamén se lerán varios poemas da escritora galega. Nesta lectura participarán os alumnos/as de varios centros de ensino de Ames, así como varios alumnos/as do Obradoiro de Lingua e Cultura.

    O Concello de Ames xa ten pechado o programa de actos cos que conmemorará esta fin de semana o Día de Rosalía de Castro. O acto central desenvolverase este domingo 23 de febreiro, dende as 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dun evento no que haberá música e no que se lerán varios poemas da escritora homenaxeada. A través desta iniciativa preténdese dar a coñecer a vida e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza amiense.

    O evento comezará coa actuación do grupo de pandereteiras As Maianas. De seguido, proxectarase un vídeo feito por tódolos alumnos e alumna da Escola infantil do Milladoiro no que recitan o poema Turra, turra Xan pola burra. Trala proxección deste vídeo comezarase coa lectura dos poemas da escritora galega. Na lectura de poemas colaboran os centros de ensino de Ames. Varios alumnos/as do CEP de Ventín, do CEIP Agro do Muíño, do CEIP de Barouta, do IES de Bertamiráns e do IES do Milladoiro lerán varios poemas de Rosalía de Castro.

    Nesta lectura tamén intervirán representantes da cultura amiense como son o profesor e poeta Carlos Negro e a profesora e critica literaria Dolores Vilavedra, membro da Fundación Rosalía. Carlos Negro recitará o poema A xustiza pola man, mentres que Dolores Vilavedra encargarse de darlle lectura ao último poema en galego descuberto de Rosalía de Castro, Dinche o corazón. O alcalde de Ames, Santiago Amor, pechará a rolda de intervencións e dedicaralle unhas palabras á figura de Rosalía de Castro. Como colofón actuará a Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido que interpretará os temas Negra sombra e Desdéns, unha creación propia dedicada a Rosalía.

    Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
    Por outra banda, o Concello de Ames organizou para este sábado 22 de febreiro unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón, e na que participan 20 persoas. Esta actividade enmárcase dentro da programación que organizou o Concello para celebrar o Día de Rosalía. Para iso, porase á disposición da veciñanza amiense un autobús que saíra as 11:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 11:15 horas pasará por Bertamiráns, para recoller a todas as persoas que se inscriban nesta visita.

    Os participantes irán en autobús ata a Casa Museo de Rosalía de Castro. Unha vez alí, os veciños e veciñas que participen nesta actividade recibirán unha explicación sobre a vida e a obra da escritora galega. Está previsto que a visita remate ás 14:00 horas. Cada participante terá que pagar a súa entrada para visitar a Casa Museo, que ten un custo de 1,20 euros. O custo do autobús corre a cargo do Concello de Ames.

    21 feb 2014 / 17:25
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito