Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
do historiador Emilio Grandío

Lousame conmemorará o 83 aniversario da proclamación da II República cunha conferencia

Terá lugar este luns 14 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura

    O Concello de Lousame organiza unha conferencia do historiador Emilio Grandío, profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e América da Universidade de Santiago de Compostela, para conmemorar o 83 aniversario da proclamación da Segunda República. Un acto que terá lugar este luns 14 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame e que contará coa participación da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. A entrada é totalmente libre e de balde.

    Emilio Grandío explica que “a Segunda República segue a ser unha grande descoñecida para boa parte da nosa sociedade” e considera que “máis de oitenta anos despois da proclamación do réxime republicano, os historiadores non podemos chegar tarde á súa interpretación. Explicar a historia da Segunda República debe ser acometida dende o entendemento conxunto dos anos trinta, non dende a cesura de 1936, final e principio da maioría da narrativa historiográfica cando abordan estes anos”. O historiador coruñés insiste en que “sen a explicación do que significaron estes anos trinta, sen aludir a aquel contexto dinámico e cruel, mais tamén apaixonante e cargado de esperanza, non entenderemos nunca o que viviron os homes e mulleres galegos da Segunda República”.

    Relator

    Emilio Grandío Seoane (A Coruña, 1967) é profesor titular de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela. Doutorado en Historia en 1995 coa tese “La CEDA en Galicia 1931-1936”, é especialista na Segunda República e na Guerra Civil. Actualmente traballa sobre a intervención exterior, a clandestinidade e a represión política no noroeste da península ibérica tras a Segunda Guerra Mundial; sobre o nacionalismo e a sociedade civil no século XX; sobre a evolución do exilio español durante o franquismo; e sobre a traxectoria política da UCD en Galicia durante os anos da Transición.

    Entre as súas obras destacan “Los orígenes de la derecha gallega. La CEDA en Galicia (1931-1936)” (1998); “Años de Guerra. A Coruña, 1936-1939” (1999); “Caciquismo e eleccións na Galiza da II República” (1999); “A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia” (2010); “Casares Quiroga. La Forja de un Líder” (2011); “Vixiados” (2011); “War Zone. La II Guerra Mundial en el noroeste de la Península Ibérica” (2012); “Represión y clandestinidad política en el noroeste de la Península Ibérica (1945-1953)”, (2013); ou “Derribar a Franco” (2013). Ademais, coordinou diversos monográficos en revistas especializadas, como o dedicado á Segunda República en Hispania Nova (2013).

    11 abr 2014 / 11:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito