A cidade será a protagonista do novo ciclo que o Cineclube Compostela estrea esta mesma semana. Con catro sesións, o programa arrinca mañá mércores coa proxección de 'Los Angeles plays itself' (Thom Andersen, 2003). Artellado exclusivamente a partir de imaxes de moitas outras cintas rodadas nos Ánxeles, o filme analiza con mestría os discursos deixados pola sétima arte sobre o lugar no que vive o propio director. Como é habitual, a cita será ás 21.30 horas no centro sociocultural O Pichel (Santa Clara 21).
O ciclo continuará nas vindeiras semanas con 'The Exiles', 'London' e unha serie de curtas sobre Barcelona, Tirana e Nova Iorque.