Jueves 25.09.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
Centos de traballadores do sector naval da provincia de Pontevedra manifestáronse hoxe polas rúas de Vigo para reclamar que non se modifique o convenio colectivo "sen o permiso" dos traballadores, secundando así a xornada de folga convocada en solitario pola CIG, sindicato maioritario no sector, que asegurou que a actividade está "paralizada" na súa maioría.
Os traballadores celebraron unha asemblea fronte á sede territorial da Xunta na cidade olívica e, a continuación, partiron en manifestación cara á Praza de América, cortando o tráfico ó seu paso polas rúas Colón, Urzáiz ou Gran Vía, escoltados por un amplo dispositivo policial, que o sindicato convocante atribuíu ó intento de "reprimir" as protestas.
En declaracións ós medios, o voceiro da CIG no sector, Miguel Anxo Malvido, avaliou positivamente o seguimento "xeneralizado" da folga e volveu reclamar que non se modifique o convenio colectivo, que "custou 26 días de paro" o ano pasado.
Malvido asegurou que o sindicato nacionalista "non ten nada que ver" cos ataques rexistrados a pasada noite contra a casa sindical situada no Porriño (Pontevedra) e considerou que é "unha auténtica tolemia" atribuírlle á CIG unha implicación nestes feitos violentos, que condenou. No entanto, CCOO vinculara o ataque con que esta central sindical e UXT non apoian a folga de hoxe no naval convocada pola central nacionalista.
