ACTOS

Ordes enxalza os champiñóns e A Estrada acolle as actividades do Día da Xuventude

Diego Calvo visitou a exposición de maquinaria agrícola na capital ordense

José López compartiu impresións coa mocidade estradense

Diego Calvo, terceiro pola dereita, co alcalde de Ordes, segundo e outros representantes municipais

Diego Calvo, terceiro pola dereita, co alcalde de Ordes, segundo e outros representantes municipais / Xunta

J. M. Ramos

Gastronomía, desfile de tractores, exposicións de maquinaria agrícola, música e monólogos encheron de animación este sábado a XXXIII Festa do Champiñón de Ordes, que continuará este domingo con degustacións nos locais hostaleiros.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, achegouse ata a vila ordense para percorrer, acompañado do alcalde, José Luis Martínez, o recinto da exposición de maquinaria agrícola. Á cita tamén acudiron representantes doutros concellos como Oroso, Trazo, Frades, Tordoia ou Cerceda.

Na visita, Calvo tivo a ocasión de coñecer as últimas novidades do sector e destacou “o potencial agrogandeiro da comarca de Ordes”, como se puxo de manifesto na feira sectorial que comparte protagonismo coa gastronomía e a artesanía.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, participou na Estrada nas actividades do programa Día da Xuventude, que arrincou o venres en Ribadavia e percorrerá 30 concellos.

López Campos puido falar cos mozos e mozas participantes e coñecer de preto a súa valoración sobre as diferentes actividades que se ofrecen: desde obradoiros de gastronomía saudable e de habilidades para a empregabilidade ata iniciativas de sensibilización medioambiental, igualdade de xénero, arte urbana ou de lecer educativo, como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box. A xornada na capital estradense pechouse coa música do artista local Supermirafiori.

O programa Día da Xuventude aséntase en cinco obxectivos: facilitar á mocidade a posibilidade de participar en actividades lúdico-formativas que contribúan ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais; fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable; transmitir valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo; achegar información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade; e ampliar as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.

A iniciativa visitará o vindeiro mes os concellos de Oia (o mércores, día 1 de maio), Sanxenxo (día 4), Porto do Son (día 10), Castro de Rei (día 11), Mos (día 16), Culleredo (día 18), Arteixo (día 24), Viveiro (día 25) e Chantada (o día 31).