COMERCIO LOCAL

Volve 'Baio ten a pelota' con pinchos, descontos, artesanía, música e premios

O Concello de Zas organiza a oitava edición co fin de dinamizar un sector estratéxico

Sortearanse 1.400 euros en premios en vales de 200 €

O alcalde, Manuel Muíño, no centro, na presentación da campaña Baio ten a pelota

O alcalde, Manuel Muíño, no centro, na presentación da campaña Baio ten a pelota / C. Zas

J. M. Ramos

Case a totalidade dos establementos comerciais e hostaleiros de Baio e de A Piroga participan na oitava edición da campaña Baio ten a pelota, que se celebra os días 10, 11 e 12 de maio e que se inclúe dentro do plan de dinamización do comercio local promovido polo Concello de Zas.

O alcalde, Manuel Muíño, acompañado de concelleiros, comerciantes e hostaleiros presentou este xoves esta nova campaña na Praza Jorge Mira, convidou "a visitar Baio nesta fin de semana porque ademais dunha ruta de pinchos e importantes descontos nos comercios, haberá múltiples actividades para todas as idades e un tren turístico para percorrer as rúas da vila, ademais de 1.400 euros en premios".

Muíño subliñou sinalou que este é o segundo ano que o Concello asume a organización desta campaña "porque este é un sector estratéxico do noso concello", e lembrou que esta iniciativa complementase con outras semellantes como o Punto Rojo ou a Campaña de Nadal. "Coido que somos o único Concello que promove tres eventos deste tipo cada ano", afirmou.

Os protagonistas serán os comercios, que ofrecerán importantes descontos, e os trece locais de hostalería que ofrecerán tapas a un prezo de 2,50 euros. A proposta gastronómica inclúe pratos como pementos recheos, tapas especiais, cazola de ovos con gulas, codillo, polo, raxo, pinchos morunos e tamén algúns pratos doces.

Animación na rúa

Durante a fin de semana -sábado e domingo- as rúas de Baio estarán cheas de animación. Ao longo da estrada principal instalaranse diferentes postos de artesanía da zona, e tamén haberá inchables e obradoiros infantís na Praza Jorge Mira e moita música. Actuarán Os Enxebres de Cabana, os membros da Asociación Cultural Adro, Os Petadores de Zas e as charangas O Rumbo de Sardiñeiro e Os Celtas. Para facilitar a mobilidade entre os locais un tren turístico percorrerá a vila en horario de mañá e de tarde.

O sábado á noite haberá teatro coa representación no auditorio de Baio da obra Crónica dun pobo, de Gargallada Teatro do Barco de Valdeorras. Unha función enmarcada na VII Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada tamén polo Concello de Zas. A cita é as 21:00 horas

E como vén sendo habitual, entre todas as compras e consumicións realizadas nos establecementos participantes realizarase un sorteo de 1.400 € que se repartirán en vales de 200 euros. “A gran cantidade de actividades organizadas ao redor deste evento fai que sexa un plan perfecto para todos os públicos”, conclúe o alcalde, Manuel Muíño.