Opinión | Negro sobre branco

Altri: proxecto e propaganda

Non debemos reproducir o que está escrito no único documento oficial sobre Altri o DOG do día 4 deste mesmo mes. Só cabe invitar a se achegar a fonte directa e ver o que hai. Ante os feitos, non hai opinións. O DOG é público, como semella terse esquecido. En calquer caso, é a miña fonte de información. Valla de recordatorio a opinantes moi sisudos, que falan fabulando.

Altri é unha empresa portuguesa de certo tamaño na produción de pasta celulósica en Europa. Non nos impresiona o seu tamaño, nen a súa capacidade produtiva nen a súa aportación en novas técnicas nen sequer o que se poida esperar do seu futuro. Comparando a súa produción anunciada en Palas coa actual española, só significaría o 16% da actual produción das 10 fábricas que hai no Estado. Estas fábricas están nunha fase de reciclaxe tecnolóxica para reducir a necesidade de fontes de enerxía eléctrica de forte impacto, reducir o consumo de auga e, finalmente, adecuar as súas necesidades produtivas a un incremento constante do reciclado, característica que une os obxectivos de fábricas con tendencia á sustentabilidade: aspectos todos eles que ladea o proxecto de Altri para Palas, de forma que xa ten sido denominado celulosa do século XX. Cada paso que se avanza no mercado europeo de control da contaminación e da atenuación dos factores que inflúen no cambio climático, maior é a tendencia a influír nunha modificación do consumo irresponsábel, no reciclado interno ás proprias factorías e na substitución de procesos industriais duros -medioambientalmente falando- por outros compatíbeis co desenvolvemento sustentábel; e aínda así, con todos os atributos de excelencia medioambiental e técnica posíbeis, estamos en condicións de non aceptar nen a bondade do proxecto, nen a súa necesidade nen a capacidade de criar beneficios para a economía galega, tanto no presente como no futuro. Pura e simplesmente non precisamos como país nen un metro cuadrado máis de eucaliptos. Temos dereito a ser como os portugueses: prohibido o incremento de terra dedicada a eucaliptos e ao seu medre. Altri necesita 1,2 Millóns de m3 /ano de eucalipto. Mais cando decimos que non nos impresiona o seu tamaño nen a súa capacidade innovadora é porque temos no país empresas cunha facturación moi superior a Altri, excelentes tecnicamente falando e de innovación tecnolóxica modélica que están directamente conectadas, empresarialmente falando, coas producións de recursos naturais -gando, bens agrícolas e pescado- postas en cuestión por risco medioambiental e uso do territorio. Se Altri factura ao ano aproximadamente (2023) 571 millóns de euros, só 3 conserveiras da Ría de Arousa facturan cada unha máis que Altri, mesmo máis do dobre. E se tratamos de mexillón producido nas bateas da Ría de Arousa é o 70% do total galego: ascende a 175.000 toneladas, aproximadamente 140 millóns de euros, en primeira venda. Todo o que acaba no Ulla chega á ría. Todas as emisións á auga e á atmosfera teñen impacto nas producións dos ríos e da Ría, e o último desexo de calquer galego responsábel é por en risco producións de presente, excelentes e con futuro certo.